Estudantes de seis institutos plantan unha carballeira no contorno do río Gafos

Con motivo do Día Mundial da Auga, uns 200 alumnos participaron na iniciativa e tamén retiraron lixo do cauce fluvial con Vaipolorío
photo_camera O estudantado retirou lixo do Gafos e plantou árbores. Tamén participou o edil Marcos Rey. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Douscentos alumnos de seis institutos da cidade (IES Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Valle Inclán, Sánchez Cantón, A Xunqueira I e A Xunqueira II) protagonizaron este mércores unha xornada de concienciación impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural que incluíu unha charla, unha limpeza por grupos polo treito urbano do río dos Gafos e unha plantación de árbores no contorno de Ponte Boleira xunto ao persoal da Asociación Vaipolorío polo Día Mundial da Auga. O seu nome: a Tropa do clima.

"Fixemos o mellor que se pode facer este día: saír á natureza, a un espazo que forma parte do verde urbano", subliñou o concelleiro da área Iván Puentes. "Plantaron, ademais, carballos que non se mercaron para este día, senón que foron tratando, coidando e cultivando estes rapaces e que hoxe decidimos plantar neste contorno dos Gafos".

Recordo

Aínda que en principio a idea era plantar seis, un por instituto, "finalmente creamos unha pequena carballeira nesta parcela absolutamente baleira e que non ten outro uso", engadiu. Apostaron por unha árbore "tradicional, típica do bosque atlántico e autóctono galego, de crecemento lento", pero "como son rapaces novos veranas medrar ao longo do tempo e dentro duns 20 ou 30 anos, cando teñan un tamaño considerable, poderemos recordar este día".

Poderán tamén, engadiu Puentes, "desfrutar dunha carballeira espectacular no centro da cidade e, sobre todo, poderemos lembrar o noso compromiso na loita contra o cambio climático, polo respecto ao medio natural e pola aposta do Goberno municipal da recuperación dos espazos naturais, cauces dos ríos e as súas zonas anexas".

A rapazada, dividida en grupos, retirou lixo do propio río Gafos ademais de participar na plantación, na que tiveron outro aliado, o concelleiro de Benestar Social Marcos Rey.

Comentarios