O 74% das persoas graduadas na Universidade de Vigo no curso 2019-20 está traballando e a inmensa maioría faino en Galicia, desenvolvendo funcións de nivel universitario, nun emprego por conta allea na empresa privada, a tempo completo e con estabilidade laboral, é dicir, con contrato fixo ou indefinido. Así se determina nos dous últimos informes publicados polo Observatorio de Persoas Tituladas, segundo informou onte o Duvi. Este estudio realizouse co apoio do Consello Social e nel analízase en detalle a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos oficiais de grao e mestrado.
No citado curso tituláronse pola UVigo preto de 4.000 persoas (3.947, en concreto), das que 1.079 participaron no estudo, un traballo que consistiu na aplicación de dúas enquisas sobre empregabilidade -unha para cada tipoloxía de estudos-, realizadas entre o 5 de outubro e o 10 de novembro de 2022, unha vez superados os 18 meses de teren saído das aulas.
Segundo os resultados feitos agora públicos, a taxa de ocupación dos residentes en Galicia (72,9%) é lixeiramente inferior á rexistrada noutras comunidades autónomas (77,6%) e no estranxeiro (85,2%) e, nesta liña, tamén se destaca que a proporción de mulleres que traballan fóra de Galicia (17,7%) é significativamente inferior á emigración masculina (22,1%).
Ao respecto das persoas que se atopaban nunha situación de inactividade, o 15% das persoas participantes explicaron que non traballaban nin procuraban emprego por estar dedicadas integramente a preparar oposicións (7,9%) ou seguir estudando (6,9%) e, no que respecta á preparación de oposicións, hai tamén quen concilia este labor co traballo remunerado (2,4%). Un 10,9% das mostra admitiu estar en situación de desemprego, afectándolle máis esta situación ás mulleres (11,8%) ca aos homes (9,6%).
O 93,2% das persoas tituladas que traballaban no momento de responder á enquisa facíano por conta allea -o 70% na empresa privada-, sen diferenzas significativas por sexo (94,1% de homes contra 93,4% de mulleres) e, a maioría, admitiu gozar de estabilidade laboral por estar a traballar con contrato fixo ou indefinido (61,8%), sendo superior a masculina (64,1%) á feminina (60,2%).
ENSINO E SAÚDE. Os sectores que empregan a máis titulados/as son ensino/docencia (15,9%), seguido polo sanitario/saúde (8,2%), enxeñaría (7,5%), investigación e actividades científicas (6,2%), consultaría (5,7%) e alimentación/industria alimentaria (5,1%), segundo especifica o estudo.
Para Luis Espada, exrector da UVigo y director do Observatorio de Persoas Egresadas, a medición dos indicadores de empregabilidade e da satisfacción cos estudos realizados é "unha ferramenta chave para que a Universidade de Vigo conte con información fiable e útil de cara á mellora da calidade dos estudos ofertados e a formación do estudantado das seguintes promocións", incidindo neste senso en que, "sen a participación desinteresada dos antigos estudantes que responderon as enquisas propostas polo observatorio o estudo que agora presentamos non tería sido posible".