ETIQUETA NEGRA

Cita ineludible para padais esixentes

Máis dun cento de expositores daranse cita esta fin de semana no Recinto Feiral, na cuarta edición de Etiqueta Negra, para presentar os seus produtos que teñen en común a súa singularidade, alta calidade e orixe tradicional galega. O evento, aberto ao público xeral, serve tamén como plataforma para reunións profesionais
Multitude de público na última xornada de Etiqueta Negra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Multitude de público na edición do ano pasado de Etiqueta Negra. GONZALO GARCÍA

A cidade de Pontevedra converterase este sábado 9, domingo 10 e luns 11 no epicentro do gourmet galego coa celebración da cuarta edición da feira profesional Etiqueta Negra, que contará coa presenza de máis de cen expositores que ofrecerán os seus máis singulares produtos, escollidos pola súa singularidade e alta calidade.

Durante estes tres días, profesionais do sector, produtores e consumidores reuniranse no Recinto Feiral coa fin de coñecer tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Etiqueta Negra conta por primeira vez coa colaboración de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio de Cabreiroá, Deputación, Eroski, Mel de Galicia e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran Tawi, Gadis, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Kitchen In

Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas, aperitivos a base de hidromel, cafés, infusións, marmeladas, galletas, tortas, doces, xeados, mel, castañas, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, angulas, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias. Son produtos sinónimos de tradición e autenticidade, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio, traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do estranxeiro.

PLATAFORMA. Etiqueta Negra será unha gran plataforma de negocio para as empresas participantes. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores... como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Na pasada edición celebráronse máis de 350 reunións de traballo e contactáronse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais. Tamén para elas desenvolverase un almorzo informativo sobre exportación e os servizos do ICEX para a internacionalización das PEMES galegas.

Impulsada pola concellaría de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra conta por primeira vez coa colaboración de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio de Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Mel de Galicia e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran nesta cuarta edición Tawi, Gadis, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Kitchen In.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, ata as 20.00 h. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 8 euros.

LA DESPENSA D'LUJO. PATACAS E LEGUMES DE CALIDADE DENDE CORISTANCO

Fabas brancas. LA DESPENSA DE LUJO

Dende Erbecedo, unha parroquia de Coristanco (A Coruña), ábrese camiño La Despensa D'Lujo, un proxecto de agricultura tradicional que aposta polo rural, polo coidado do medio ambiente e polo respecto ao produto.

As patacas e as legumes, especialmente fabas brancas e verdinas, son os seus produtos estrela. Nos últimos anos, La Despensa D'Lujo estase orientando ao sector gourmet porque "é onde máis se valora a calidade do produto".

Os clientes destes agricultures distribúense por toda España e, entre eles, destacan as cociñas do País Vasco, berce da alta gastronomía, ou Inditex. "O produto galego ten moi boa fama en toda España, é moi aprezado porque sábese da súa calidade", reflexiona Lucía Calvo, unha das impulsoras de La Despensa D'Lujo, que esta fin de semana participará por primeira vez na Feira Etiqueta Negra co obxectivo de poñer en valor o traballo rural.

"Nós traballamos buscando a calidade dos nosos produtos, empregamos produtos frescos e gústanos saber o que necesita o noso cliente para satisfacer as súas demandas, non todos necesitan o mesmo tamaño das fabas, por exemplo, por iso nos estamos orientando ao mercado gourmet, é máis esixente pero iso tamén nos axuda a mellorar", indica.

"En Etiqueta Negra imos presentar o garavanzo leitoso en verde, un producto que está gañando seguidores e que está moi ben valorado, e outros productos especiais tanto polo seu prezo como polo seu traballo, xa que non todo o mundo sabe como manipulalos e preparalos", avanza.

CONSERVAS GÁNDARA. A XARDA GALEGA ENGÁDESE A SÚA OFERTA GOURMET

Conservas. CONSERVAS GÁNDARA

Mexilóns en escabeche, caviar de ourizo de mar, salmón en aceite de oliva e anchoas compoñen a oferta gourmet de Conservas Gándara que, nesta cuarta edición de Etiqueta Negra, presentará un novo producto: a xarda galega en conserva.

"Xeralmente a caballa que hai en conserva é do sur, andaluza, e nos pescamos e ofertamos a galega", explica a responsable da empresa, Tamara Fernández.

Conservas Gándara é unha empresa viguesa familiar e feminina xa que, como explica Fernández, "somos unha pequena empresa na que o papel da muller é fundamental porque somos nai e filla". Gándara comercializa conservas dende 2016 e estase abrindo oco no sector gourmet dado que oferta un produto "de primeira calidade que, polo tamaño e polo prezo, non ten cabida en grandes superficies senón en puntos de venda especializados".

A compañía repite a súa participación na Feira do gourmet galego porque a experiencia anterior "foi moi positiva. Os nosos produtos están a aumentar a súa presenza porque imos sendo máis coñecidos e porque o sector ten picos de demanda. A época navideña é unha das máis fortes do ano porque moitas veces elíxense produtos de calidade para regalar", sinala.

A xestión de Conservas Gándara vai pola terceira xeración dunha familia vinculada ao sector pesqueiro e ten como puntos fortes a cercanía ao mar, a selección do peixe e moluscos de máxima calidade e o tratamento por parte de persoal especializado. Ademáis, presentan o seu produto cunha etiquetaxe moderna.

BICO DE XEADO. XEADOS CON LEITE NATURAL E MATERIA PRIMA DE CALIDADE

Xeado. BICO DE XEADO

Xeados elaborados de xeito artesanal con leite 100% natural galega, proceso artesanal e materia prima de calidade. Ese é o resumo da filosofía de Bico de Xeado, a marca de xeados da Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña.

Na búsqueda de dar un novo pulo ao sector lácteo xurdiu este proxecto que ofrece cunha ampla variedade de sabores e conta con tendas e puntos de venda en Galicia, Andalucía, Cantabria e Madrid.

"Bico de Xeado xorde como un acto de rebeldía para demostrar que realmente se poden facer cousas interesantes co leite. A idea xorde como quen di dun fracaso porque lanzamos con moita ilusión un proxecto, que consistía en vender leite en máquinas expendedoras, pero o mercado non estaba preparado e non saíu adiante e esto deu paso a Bico de Xeado, que xorde como alternativa de diferenciación", indica o xerente da firma, Jesús Otero.

Arroz con leite, café de pota, requesón con figo caramelizado, tarta de queixo ou natillas son algúns dos sabores que ofrece a marca que abríu a súa primera tenda en A Coruña en 2015.

Os xeados son o principal reclamo da empresa pero non o único, nas tendas pódense consumir outros produtos como batidos, cafés ou chocolates e gofres.

Bico de Xeado está presente en Etiqueta Negra dende os seus inicios. Jesús Otero destaca o éxito da feira gourmet e apunta á importancia de estar presente porque "Pontevedra é moi interesante para nós, queremos mellorar a nosa presenza na cidade, facer nela unha marca forte".

Comentarios