Etiqueta Negra reúne máis de 80 produtores do gourmet galego no Recinto Feiral

Esta sétima edición terá lugar entre este sábado e o luns
Inauguración de Etiqueta Negra. DAVID FREIRE
photo_camera Inauguración de Etiqueta Negra. DAVID FREIRE

Cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, catas comentadas, maridaxes e outras moitas actividades sucederanse entre este sábado e o luns en Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, que abriu as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra ás 11.00 horas deste sábado. Na inauguración as autoridades destacaron o potencial do produto galego, o bo traballo dos produtores e que Pontevedra é o mellor escaparate do gourmet galego.

Esta sétima edición contará coa participación de máis de 80 produtores que destacan pola singularidade e alta calidade dos seus produtos. Deles, 26 darán a coñecer por primeira vez nesta feira os seus alimentos e bebidas de alta gama. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, xamóns, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas... e unha infinidade de delicias.

Ademais, por vez primeira, Etiqueta Negra contará cun servizo de gardería para crianzas de entre tres e dez anos. A Pequenos Gourmets Ludoteca estará aberta este sábado de 11 a 14 e de 17 a 21 horas e o domingo de 11 a 14 e de 16.30 a 20.30 horas.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11 a 21 horas e o luns ata as 20 horas, para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa tres euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días por cinco euros.

Comentarios