Aínda lle quedan dous días por diante, xa pode falar abertamente de éxito. A feira do produto gourmet galego Etiqueta Negra arrincou este sábado a súa cuarta edición con valoracións moi positivas entre os feirantes e visitantes. Os primeiros coincidiron ao destacar a "boa organización" do certame, que volveu repetir no Recinto Feiral, mentres os segundos quedaron pampos coa variedade e excelente calidade dos produtos exhibidos.
Queixos de leite crúa, embutidos de boi de Lalín, chourizos de proco celta, marmeladas de cabaza, galletas veganas, viños de autor criados sobre lías, conservas preparadas "con arte", froita en formato snack... O abanico de opcións é xeneroso e, ademais, volve estar aderezado cunha ampla programación de catas, cursos de formación e showcookings. Os asistentes á xornada de onte puideron aprender a facer (previa inscrición) rolos de sushi e empanadillas asiáticas con materia prima galega. Os que acudan hoxe poderán participar en talleres de cociña saúdable e de pans artesanais, e os que visiten a feira mañá (último día da feira) poderán sumerxirse na cociña atlántica.
O evento foi inaugurado onte polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, quen salientou a participación de máis de 109 expositores. "Pontevedra convértese no epicentro do gourmet galego", manifestou ao seu paso pola mostra.
Entre os stands partícipes houbo quen se estreou na cita e quen repetiu. A representante das marmeladas de As Camposeiras (Oleiros) visita a feira por terceira vez, "satisfeita" pola resposta acadada en edicións previas e confiada en que o tempo previsto para este fin de semana axude a acadar un novo éxito. Neli Sobrado, de Galletas Xianas, acode por segundo ano consecutivo, atraída pola exclusividade do produto galego gourmet: "Noutras feiras atopas produto industrial que quere parecerse ao noso, pero non o é", asegura.
Entre as últimos fichaxes, os responsables da Despensa D'Lujo (Coristanco) acuden á convocatoria "por primera vez" para ampliar a súa carteira de clientes, na que figuran restaurantes con Estrella Michelín de todo o país. O seu forte son as legumes e outros "produtos en verde", que van directamente da leira aos almacéns dos profesionais.
Etiqueta Negra volverá abrir hoxe as súas portas, de 11.00 a 21.00 horas. A programación pode consultarse na web do evento. A entrada ten un custe de tres euros.