martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

"Eu quero pelexar con Lores"

Teresa Casal, na redacción de Diario de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Teresa Casal, na redacción de Diario de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"A min o móbil deixoume de soar cando deixei a política", di Teresa Casal García, que retoma a carreira que iniciou co PSOE con outras siglas, as de Marea. "Estou segura de que me van caer de todos os lados. Pero non me escondo. Nunca o fixen", advirte a que fora tenente de alcalde de Pontevedra. Ós seus 70 anos teno claro: "Síntome con ganas".

"Teresa tiene nombre de alcaldesa", díxolle en 2003 José Luis Rodríguez Zapatero cando se converteu na primeira candidata muller do PSOE á Alcaldía de Pontevedra. Eran outros tempos. Teresa Casal (Pontevedra, 1948) viña de ser a número dous de Roberto Taboada, o anterior cabeza de cartel. Logo acabou converténdose en tenente de alcalde da súa cidade durante oito anos, até 2011. E agora regresa á primeira liña da política. Faino no segundo posto da candidatura electoral de Marea, que lidera Luís Rei, e despois de darse de baixa do Partido Socialista.

Recibiu moitas chamadas estes días?
A min o móbil deixoume de soar cando tiven que deixar a política. Agora, todo o contrario. Non paro de recibir chamadas e mensaxes.

Cando o PSOE deixou de contar con vostede, o BNG difundiu unha viñeta irónica na que aparecía soa nunha gasolineira. Sentiuse así?
Un pouco si. Nese momento eu sentinme un pouco doída. Pero iso pasou. Non gardo ningún rancor.

Na memoria colectiva, o seu nome sempre estará ligado ó PSOE. Cre que isto lle pasará factura agora que se presenta con Marea?
Eu son socialista, galeguista e feminista. Nunca fun nacionalista.

O xa alcaldable do PSOE, Tino Fernández, preguntábase esta semana se Teresa Casal terá cabida dentro da "formación rupturista" que di representar Marea.
Que entende vostede por rupturista? Se rupturista significa romper coa corrupción, coas malas prácticas nas administracións e acabar co amiguismo, son rupturista. E a nivel municipal tamén hai que selo. Con que? Coa rutina. En Pontevedra deixouse de sementar e só se recollen os froitos, como se pode ver cos premios que nos conceden por todo o mundo e que eu aínda non sei que retorno tiveron para a cidade. Sei que teñen moita propaganda. Pero eu non vexo retorno algún. Que se fixo nesta cidade a nivel social? Que non me digan que non é competencia municipal. O Concello ten que arremangarse e buscar fórmulas, como a renda social municipal proposta por Marea.

Non cre que esa renda social funciona case como unha esmola?
Eu vexo a moita xente comendo a quendas no comedor de San Francisco e outra moita levando a comida para a casa. Xa non falo da xente que hai pedindo pola rúa. Nin tampouco daquela que traballa e non lle dá para vivir dignamente.

Que é o mellor e o peor de Lores, co que compartiu Goberno bipartito?
A min Lores cáeme ben. Pero está aburrido e moi acomodado. A min gustábame o Lores máis combativo, bloqueiro. Está feliz co que fixo e non pensa noutra cousa. O problema do Bloque nestes momentos é que o tirón teno Lores. Porque onde está o BNG no resto de Galicia? Desaparecido en combate.

Que proxecto lle gustaría recuperar para Pontevedra?
Se puidera recuperaría as traseiras da Peregrina. É un tema que iniciei eu. Dame moita pena que se conseguira a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) e que iso siga así. Tamén entendo que o Museo da Historia non se puidera facer polos cartos. Xa virán tempos.

Vostede sempre exerceu de líder. Séntese agora cómoda con ser a número dous doutro partido?
Eu teño unha serie de obrigas neste momento. Se me ofreceran o número un, probablemente non diría que si.

Chamouna algunha vez o BNG para ofrecerlle un posto nunha lista electoral?
Non. Compromiso por Galicia, si.

E algunha forza máis?
O PSOE de Sanxenxo nas municipais seguintes á miña saída do partido en Pontevedra. Díxenlle que non. Que pintaba eu en Sanxenxo? Ser número un require tempo, que non teño.

Se sae elixida concelleira en 2019, a esixencia será outra...
Cando cheguemos a ese río falaremos desa ponte. A miña ilusión é traballar por Pontevedra e poñer o meu grao de area.

Marea sempre fala da necesidade de renovar a política. E fichouna a vostede, que leva sete anos e medio fóra da primeira liña. Cre que terá o mesmo tirón electoral?
Iso téñeno que dicir os demais. Son realista. Nunca fago quinielas.

O seu primeiro acto con Marea foi cargar contra Ence...
Eu son activista contra Ence dende que estaba no colexio. E Elnosa teríase que ter trasladado a un polígono, a Nantes ou incluso ó Campiño. Ter iso aí é unha bomba de reloxería. E non quero falar da depuradora, que queren ampliar. Por que Poio ou Marín non teñen as súas depuradoras? Están a destrozar Lourizán. E niso estou en sintonía con Marea. Presentaremos todas as iniciativas posibles para evitalo.

Fala da sintonía, pero que pasará cando discrepe con Marea?
Díxenlle a Luís Rei o mesmo que no seu día lle dixen a Roberto Taboada (PSOE): se nalgún momento hai que tomar un acordo plenario co que non estea de acordo eu ausentareime. Por exemplo co polígono do Vao.

Discrepará cos touros?
De pequena, meu pai levábame ós touros. Pero deixei de ir.

Hai unha antiga foto súa circulando polas redes sociais con Roberto Taboada no palco de autoridades da Praza de Touros...
Esa etapa era cando Maica Larriba era delegada da Consellería de Presidencia da Xunta e invitábanos a ir alí, ó palco. Eu ía porque era un acto social ó que me invitaba unha compañeira. Criticaranme moitísimo. Pero eu non son nin anti nin pro touradas.

Cre que haberá unha campaña limpa nas municipais de maio?
Eu estou segura de que a min me van caer dende todos os lados.

Compénsalle?
Eu díxenlle ós meus fillos que estiveran tranquilos.

Cre que se están a perder as formas nas redes?
O que se está a perder é a valentía, porque moitos que critican son anónimos. Se un quere criticar, que mo diga con nome e apelidos para poder defenderme.

A vostede vaille a marcha.
Eu para o que non sirvo é para tirar a pedra e esconder a man. Eu non me escondo. Non o fixen nunca.

Que pensa do líder do principal partido da oposición, de Rafa Domínguez (alcaldable do PP) e do resto das forzas da Corporación?
Deste pouco sei. Praticamente acaba de chegar. Está facendo a típica campaña de coñecer as parroquias e as asociacións. A min Moreira (o seu antecesor) non me gustaba. Sempre me pareceu moi brandiño, unha persoa con moi pouca garra e pouco tirón. Neste momento, o PSOE non creo que baixe máis, porque cun solo de tres concelleiros... Aínda así, non lle vexo ningunha posición que poida incomodar a Lores. De Ciudadanos, que queres que che diga... María (Rey) é unha rapaza encantadora, pero Pontevedra non existe. Dirás que estou a varrer para Marea, que neste momento ten dous edís. Para o Goberno é como a picadura dun mosquito. Pero eles si fan cousas serias e unha verdadeira oposición. Cando digo que Lores está cómodo e aburrido é porque non ten contra quen pelexar.

Entendo logo que vostede quere pelexar con Lores...
Eu pelexei sempre con el. E quero volver facelo.

A de 2019 será a última candidatura á Alcaldía de Lores. Vostede volvería a repetir nunha lista despois desta data?
Non.

Hai xente de Marea que a compara con Manuela Carmena.
Para min esa é unha honra moi grande. Eu non lle chego á altura do zapato a Manuela Carmena, que é unha muller que para min xa fora un exemplo na súa etapa como avogada e xuíza. É un modelo.

Vostede ten 70 anos. A idade é un hándicap en política?
O 18 de agosto cumprín 70 anos. Non teño ningunha deficiencia gorda. Toco madeira. Teño goteiras, como todo o mundo. Pero síntome con ganas. Pero non só na política, senón na vida.

"Eu quero pelexar con Lores"
Comentarios