Adolfo Cordero: "Eu son un exemplo de biofilia"

O biólogo protagoniza a séptima entrevista de Conversas na Uvi falando de biodiversidade, planificación forestal, a presenza de Ence na ría ou o cambio climático

Adolfo Cordero, xunto a Ramón Rozas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Adolfo Cordero, xunto a Ramón Rozas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Biofilia ou amor polos seres vivos. O biólogo americano Edward Wilson acuñou este termo e Adolfo Cordero, profesor na Escola de Enxeñería Forestal séntese cómodo con el. É un biófilo. E un experto en libélulas. 2Eu son un exemplo de biofilia", confesou este martes durante a entrevista que lle realizou o columnista de Diario de Pontevedra Ramón Rozas dentro do ciclo Conversas na UVigo, na Casa das Campás.

A deste martes foi unha charla sobre natureza que supuxo o séptimo encontro do programa organizado pola Universidade de Vigo e este periódico. Ademais de expresar o seu amor polo mundo natural dende a nenez, Cordero repasou algúns temas de actualidade, pero comezou explicando de onde lle viña o amor pola natureza. "Dende pequeno sentía atracción polos animais, sobre todo os máis pequenos", explicou. Foi por iso que estudou bioloxía e, ao elaborar un traballo da carreira puido observar de preto o comportamento dunha libélula á que alimentaba porque quedara sen ás. "Eu deixáballe moscas para que comese sempre que chegaba ao laboratorio e, co tempo, descubrín que aprendera que eu lle daba comida porque cando chegaba, achegábase a min e mesmo abría a boca", explicou. O biólogo, que imparte clases de Ecoloxía ao alumnado de Enxeñaría Forestal e ten viaxado por todo o mundo para estudar os ecosistemas das selvas tropicais, explicou que algunhas investigacións indican que mesmo os insectos poderían ter "algo tan humano como personalidade". Así, hai libélulas máis valentes que outras.

Tivo tempo tamén para repasar algúns dos problemas do medio ambiente que son hoxe en día actualidade. "Sempre houbo oscilacións climáticas, pero o que non é normal é a cantidade de CO2 que hai na atmosfera, nunca houbera tanto". Ademais, referiuse ao problema da desaparición dos insectos, non só pola acción do cambio climático en si, senón tamén pola utilización de produtos químicos e antipragas que actúan como disruptores endocrinos e afectan á saúde das especies "e á nosa".

Adolfo Cordero referiuse aos bosques galegos e á súa ordenación. "Nun país no que a xente controla o crecemento da vexetación con lume, cultivamos especies pirófitas como o eucalipto", explicou. Neste sentido, falou da necesidade de evitar grandes extensións con especies pirófitas ou de alternalas con outras árbores.

Cordero falou da presenza de Ence na ría de Pontevedra: "Ter esa fábrica aí non ten explicación". Así, explicou que o feito de que se perdera moita biodiversidade debido á contaminación dos primeiros anos da pasteira non xustifica que se teña que seguir perdendo. Neste sentido, fixo referencia tamén ao volume de auga que consume a factoría nun tempo no que hai períodos de seca graves. "Penso que Ence non paga pola auga o mesmo que calquera de nós", explicou.

Do mesmo xeito, asegurou que diversos estudos de situacións semellantes apuntan a que o mar é un sistema dinámico, "que se rexenera en pouco tempo", malia a que a ría de Pontevedra sexa un dos lugares dos mares de todo o mundo con maior concentración de mercurio.

Comentarios