Eva Lantarón encabeza a única candidatura ao Decanato de Fisioterapia

"Preséntome porque penso que é conveniente que haxa un equipo estable no centro, que poida poñer en marcha proxectos", salienta Lantarón

Eva Lantarón. DUVI
photo_camera Eva Lantarón. DUVI

Pendente da súa proclamación definitiva o vindeiro mércores, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón encabeza a única candidatura ao Decanato de Fisioterapia nas eleccións do venres 22 de xuño. As docentes Mercedes Soto, como vicedecana, e Rocío Abalo, como secretaria académica, completan a candidatura proclamada o pasado xoves de xeito provisional no proceso electoral aberto para suceder ao profesor Rafael Durán, que desde xuño de 2017 exerce como decano en funcións.

Lantarón Caeiro, profesora titular de Universidade e pertencente á Área de Fisioterapia, xa fora decana desta facultade entre 2013 e 2016. Nese ano, ante a falta de candidaturas, o profesor Gustavo Rodríguez foi nomeado decano en funcións durante un ano, posto no que foi relevado en 2017 por Durán, quen lidera un equipo que completan as profesoras Lilian Rosana Ferreira como vicedecana, e Lourdes Maceiras como secretaria académica.

EQUIPO ESTABLE. "Preséntome porque penso que é conveniente que haxa un equipo estable no centro, que poida poñer en marcha proxectos", salienta Lantarón, que recoñece que afronta "con ilusión o reto" de situarse de novo á fronte dunha facultade da que destaca o "elevadísimo porcentaxe de inserción" dos seus titulados, "cos que os empregadores están moi satisfeitos pola formación que reciben".

Entre os retos de futuro que defenderá diante da Xunta de Facultade pon o acento na reforma do plan de estudos, "que se formulara cando o título pasou a acreditación en 2017" e que os avaliadores destacaron como positivas, así como abordar a creación dun mestrado no centro, o que implicará á súa vez, sinala, "reforzar o profesorado da área".

Así mesmo, a virtual nova decana incide na importancia "do traballo en equipo".

Comentarios