Eva Lantarón é reelixida por unanimidade decana de Fisioterapia

Recibiu "con ilusión" o apoio de dez integrantes da Xunta de Facultade
Eva Lantarón. ADP
photo_camera Eva Lantarón. ADP

Cos votos favorables dos dez integrantes da Xunta de Facultade, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón foi reelixida este martes decana de Fisioterapia. A docente, que continuará tres anos máis á fronte do centro do Campus pontevedrés, concorreu ao proceso electoral cunha candidatura que completaban as profesoras Mercedes Soto e Rocío Abalo, que xa foran vicedecana e secretaria académica, respectivamente, no anterior mandato. "Con ilusión" recibiu Lantarón este apoio unánime da Xunta de Facultade, na que participaron dez dos seus 16 membros, situando como principal reto desta nova etapa a posta en marcha dun mestrado propio no centro.

"Aínda que foron complicados polas circunstancias, realmente estes tres últimos anos foron ao mesmo tempo gratificantes, porque houbo moita sintonía entre o persoal da Facultade e remamos todos no mesmo sentido", salientou Lantarón deste "voto de confianza, que nos anima a continuar traballando".

A docente puxo o acento en como a colaboración de todo o persoal da Facultade contribuíu a que "esteamos alcanzando os obxectivos que nos formulamos", polo que, de cara a esta nova etapa, o propósito "é seguir crecendo no mesmo sentido". O crecemento pasa por impulsar "un máster propio que era algo que anhelabamos" para xa posteriormente "chegar a ter tamén un doutoramento".

Comentarios