Eva Pena, Borja Santomé, Teresa Búa e Julia Gil gañan as bolsas de Novos Valores

►O xurado foi case unánime na elección  ► A exposición coas 17 mellores pezas desta edición inaugurarase este xoves no Edificio Sarmiento
"Herdanza de mulleres", de Eva Pena Fandiño.
photo_camera "Herdanza de mulleres", de Eva Pena Fandiño. DP

A pontevedresa Eva Pena Fandiño con Herdanza de mulleres, ademais de Borja Santomé Rodríguez con Sabor amargo, Teresa Búa Sambad con Persoa Ola (Maternidade 2), e Julia Gil Ordóñez con A Ponte do Alén veñen de gañar as catro bolsas de Novos Valores do Museo de Pontevedra logo da reunión do xurado mantida este martes ao ser consideradas como as mellores creadoras desta edición 2022, segundo deu a coñecer a Deputación Provincial nun comunicado.

Tal e como explicou o director do Museo Xosé Manuel Rey a decisión de seleccionar as catro obras veu dada pola práctica unanimidade do xurado e supón unha selección equilibrada de técnicas: unha cerámica, unha animación, unha instalación e unha pintura ao óleo. Segundo Rey, as pezas abordan "temáticas tradicionais e de vixente actualidade e debate", como a representación do ambiente 'máxico' de Galicia, o cuestionamento da idea da vivenda e o territorio dende un punto de vista feminista, a rápida transformación do mundo actual, ou o autocoñecemento das mulleres e o paradigma produtivista e patriarcal da sociedade.

As persoas gañadoras recibirán cadansúa bolsa de 7.500 euros para desenvolver a súa formación.

Grazas ao seu bo facer as persoas gañadoras recibirán cadansúa bolsa de 7.500 euros para desenvolver a súa formación. A exposición coas catro obras e as outras 13 seleccionadas polo xurado como máis salientables nesta edición (onde se presentaron 36) inaugurarase este xoves, ás 12.00 horas, no Edificio Sarmiento. A mostra manterase aberta ata o 11 de setembro.

Cerámica

Herdanza de mulleres é a peza presentada por Eva Pena Fandiño (Pontevedra). Segundo a autora o seu obxectivo co proxecto de cerámica Raku presentado é cuestionar o modo de vida e a configuración do espazo público e o espazo privado, así como a idea de vivenda e territorio dende un punto de vista feminista. Segundo dixo, "unha casa representa a problemática da habitabilidade para as mulleres, un lugar onde despregar preguntas e xogar a atopar as respostas", asegurando que busca deconstruír vellos estereotipos patriarcais para empezar a construír novos modelos que permitan un habitar máis equilibrado. Cos cartos da bolsa, Pena Fandiño pretende continuar a súa investigación no campo da cerámica facendo unha viaxe ata Xapón para visitar diferentes obradoiros de artesáns e aprender de grandes mestres e visitar museos e galerías. Algúns exemplos das cidades a visitar serían Tajimi, onde se atopa o museo de azulexos e mosaicos, o Museo Ceramic park Mino e o taller Kobei-gama, ou a localidade de Mugen-an, onde tamén se imparten obradoiros de olería.

Animación

Sabor amargo é unha animación stop motion, tinta e acuarela sobre acetato de preto de cinco minutos de duración que deu a bolsa a Borja Santomé Rodríguez (Nigrán). Segundo subliña na memoria da súa obra o autor, esta céntrase na pintura e o cine e a mestura do pincel e a cámara. Na súa proposta para Novos Valores 2022 pretende meter ás persoas espectadoras nunha viaxe de imaxes e sons que falan do máxico e sobrenatural no mundo contemporáneo, contando a historia dun personaxe supostamente chegado da cidade que se perde nunha viaxe psicodélica e perturbadora para cuestionarse conceptos como a creación da vida, da viaxe ou a rápida transformación do mundo.

"Sabor amargo" de Borja Santomé. DP
"Sabor amargo" de Borja Santomé. DP

Santomé destinará a súa bolsa de 7.500 euros para estudiar un máster nalgún centro de fala inglesa ou francesa e especializarse en cine de animación experimental. Algúns dos centros nos que pretende ingresar son 'Le Gobelins', 'Kingston University' ou 'Royal College' de Londres, previo paso pola obtención do certificado de lingua estranxeira.

Instalación

Persoa Ola (Maternidade 2) é o título da instalación de Teresa Búa Sambad (A Coruña), unha obra na que conflúen dous proxectos nos que a autora leva traballando os últimos cinco anos (Persoa Ola e Caderno Vermello) á par da súa maternidade. Segundo explica, a intención é a mestura da gráfica, deseño téxtil e obxectos escultóricos para falar da súa maior creación -a vida-, a súa pausa laboral, os medos, dúbidas, choros, alegrías, hormonas e o enfrontamento á maternidade. A finalidade da súa bolsa será formarse no ámbito do deseño de moda dixital e na dirección de negocios, tendo como obxectivo lanzar unha marca onde misturar a moda 3D e a artesanía de Galiza. Entre outros pretende realizar o curso Fashion Business do Institut Française de la Mode e o programa especializado Digital Fashion Innovation da escola de deseño Parsons.

"Persoa Ola", de Teresa Búa Sambad. DP
Persoa Ola, de Teresa Búa Sambad. DP

Pintura

Finalmente, A ponte do Alén, de Julia Gil Ordóñez (Rianxo) foi a última peza seleccionada. A creación é un óleo sobre lenzo que pretende representar o ambiente máxico de Galicia, "o aire de misticismo que rodea os montes e os ríos cando a luz do día xa comeza a esmorecer". Gil elixiu para elo unha ponte no medio dunha fraga na que se xunta a auga portadora de vida, a natureza onde se agochan lendas e a pedra firme que as une. En concreto, representa unha ponte no percorrido do río Alén, en Covelo (Pontevedra).

"A ponte do Alén", de Julia Gil Ordóñez. DP
A ponte do Alén, de Julia Gil Ordóñez. DP

O destino da súa bolsa será a adquisición de material informático para a aprendizaxe de técnicas artísticas dixitais, así como material de traballo para medios tradicionais polo valor restante.