Unha exalumna do IES A Xunqueira I, premio ao esforzo na Eso

A Xunta tamén concedeu un galardón extraordinario a unha titulada na Escola de Resturación
Ángeles Jiménez Jiménez, nunha aula do IES A Xunqueira I. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ángeles Jiménez Jiménez, nunha aula do IES A Xunqueira I. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ángeles Jiménez Jiménez, quen rematou Secundaria o pasado curso no IES A Xunqueira I, é unha dos 20 estudantes galegos recoñecidos cos premios de Eso ao esforzo e á superación persoal, tal como publicou o DOG. Segundo informou o director do centro, trátase dunha rapaza de etnia xitana que rematou a Secundaria e que agora se atopa estudando un ciclo medio de FP noutro instituto da cidade. Na relación de premiados figuran tamén dous alumnos do CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas) e do CPI Plurilingüe Santa Lucía (Moraña).

Estes galardóns que cada ano convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recoñecen a capacidade de superación destes alumnos que estudaron nese curso 4º de Secundaria e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou da contorna familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Para tal fin, a Consellería destina un total de 16.000 euros para estes premios a razón de 800 euros por cada un dos 20 galardóns que se conceden.

Cómpre subliñar que o obxectivo final destes galardóns é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornas socioculturais desfavorecidas, de contornas familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.

ÁGUEDA PAZ. A Consellería tamén fixo pública este luns a relación de seis galardoados cos Premios Fin de Carreira para alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia: Música, Deseño, Arte Dramática e Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Nesta última modalidade a gañadora foi Águeda Paz Pombar, da Escola Superior de Restauración de Bens Culturais de Galicia, situada en Pontevedra.

Estes premios están dotados con 3.000 euros cada un e creáronse para que estes estudantes tiveran as mesmas condicións que os titulados universitarios.

Comentarios