miércoles. 16.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 16.06.2021
El tiempo

A Executiva Provincial do PSOE insiste na oportunidade para crear un "complexo papeleiro"

undefined
Un intre do encontro dos socialistas pontevedreses nos xardíns da Uned de Pontevedra. RAFA FARIÑA
David Regades, secretario xeral, falou da necesidade dun traslado de Ence e do avance dun gran proxecto noutro emprazamento da zona

O PSdeG-PSOE recuperou a presencialidade para as xuntanzas do seu Comité Executivo Provincial. Os xardíns da Uned en Pontevedra acolleron este xoves á sesión nun acto presidido polo secretario xeral, David Regades. A situación da empresa Ence e as incertezas sobre o seu futuro marcaron boa parte do debate.

Regades afirmou que o pasado marzo lanzou públicamente a proposta para a construción dun novo complexo papeleiro (pasta de celulosa e papel) en Galicia e, preferentemente, na contorna da comarca de Pontevedra aproveitando a posibilidade de cofinanciar a operación cos fondos Next Generation da Unión Europea. Regades expresou entón a súa perplexidade de que este proxecto, estratéxico para Galicia, non estivese nas primeiras liñas dos proxectos tractores "supostamente enviados ao Goberno de España, porque hai quen di que é unha folla de Excel na que hai máis proxectos de gasto ordinario autonómico xa comprometido, que verdadeiros proxectos industriais. Dá ata pudor enterarse de que Feijóo pretende financiar as obras de Montecelo, por exemplo, cos fondos europeos, que non son para iso", engadiu.

O socialista afirma que "os intereses dos traballadores de Ence e os de Feijóo son cousas moi distintas; ás persoas que traballan en Ence ou dependen da fábrica interésalles un emprazamento físico de futuro, que non dependa de prazos concesionais sobre terreos prestados e que, ademais, serán cada vez máis precarios no marco da crecente normativa medioambiental española, europea e mundial".

"A construción dun moderno complexo papeleiro, preferentemente na contorna de Pontevedra, non é un asunto novo, pero nunca antes houbo unha oportunidade máis factible de levalo a cabo", concluíu Regades.

A Executiva Provincial do PSOE insiste na oportunidade para crear...
Comentarios
ç