jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

"O éxito do Camiño é xuntar aos galegos arredor deste proxecto común"

Imaxes do acto celebrado no Liceo Casino, onde actuou o gaiteiro Óscar Ibáñez. GONZALO GARCÍA
Imaxes do acto celebrado no Liceo Casino, onde actuou o gaiteiro Óscar Ibáñez. GONZALO GARCÍA
O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, recibe da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago a insignia de ouro do colectivo nun acto no Liceo Casino

"Podemos ir a Xapón e atoparemos xente que coñece o Camiño. É a nosa marca e o seu gran éxito é xuntarnos a todos os galegos arredor deste proxecto común". Con este discurso recibía o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, a insignia de ouro da Asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, nun acto celebrado na mañá deste venres no Liceo Casino de Pontevedra.

O evento tivo lugar aplicando as restricións existentes, con limitación de aforo e distancia de seguridade entre as cadeiras. Neste sentido, Rodríguez agradeceu que este tipo de eventos se sigan celebrando. "O fácil sería cancelalo para máis tarde, pero temos que manter certa normalidade", explicaba o conselleiro.

Román Rodríguez xa non ten competencias en Turismo nin é responsable da xestión e promoción do Camiño de Santiago, porén, o colectivo pontevedrés quixo recoñecer con esta insignia a súa dedicación nos últimos anos, nos que se encargou destas tarefas como conselleiro de Turismo. Neste sentido, a asociación recoñeceu especialmente a resposta de Rodríguez ás demandas de ampliación do albergue de peregrinos de Pontevedra, construíndo as novas instalacións, o albergue da camelia, "que xunto coas vellas instalacións e os xardíns xa constitúen unha verdadeira quinta", explicou o presidente da asociación Amigos do Camiño, Tino Lores.

Rodríguez recordou aqueles momentos adicando especial agarimo ás "persoas que atopei no camiño, boas e xenerosas como di o himno". Así, destacou a importante labor do voluntariado que atende aos peregrinos. "Esas persoas involucradas, que traballan a cambio de nada para que o peregrino sinta felicidade e sosego é o mellor do Camiño", explicou.

O conselleiro expresou tamén a importancia de que, máis alá das administracións, exista unha masa social implicada con este patrimonio. "Os políticos estamos de paso, somos interinos. É a sociedade civil a que posibilita que este proxecto teña unha base e teña futuro", indicou.

Tamén puxo en valor a importancia deste itinerario a nivel europeo e mundial. "O Camiño vertébranos humanamente, ademais de xeograficamente", explicou, "da cohesión", continuou o conselleiro.

No acto de homenaxe ao conselleiro estivo tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que falou da importancia de que "o Camiño sexa un escaparate da nosa cidade", así como da implicación do sector privado á hora de "ofrecer opcións turísticas que fan deste un itinerario aínda máis atractivo".

Ao evento acudiron outras personalidades como a senadora Pilar Rojo, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, ou o presidente do Liceo Casino, Jaime Olmedo.

"Somos das poucas comunidades que garante a presencialidade"
En declaracións previas á celebración do acto, o conselleiro de Educación recordou que a galega é das poucas comunidades autónomas que garante a presencialidade, unha medida que se tomou despois de que centros, como o Sánchez Cantón e o Valle Inclán reclamasen clases presenciais. Ademais, explicou que a incidencia da epidemia nas escolas galegas sitúase nun 0,1% de contaxios entre as 450.000 persoas que cada día entran en centros educativos galegos.

"O éxito do Camiño é xuntar aos galegos arredor deste proxecto común"
Comentarios