Éxito na Festa dos Libros: "Esta foi a mellor edición, é unha cita máis que consolidada"

O actor e escritor Carlos Bardem encheu de público a Ferrería na tarde deste domingo para falar da súa obra

Carlos Bardem, en la Festa dos Libros. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carlos Bardem, en la Festa dos Libros. GONZALO GARCÍA

Caras de ledicia entre os libreiros, moito público e numerosas vendas. A organización da Festa dos Libros confirmaba onte o éxito da terceira edición do evento, promocionado polo Concello de Pontevedra xunto con 13 librarías da cidade. "Esta foi a mellor edición con diferenza, xa é unha cita máis que consolidada", indicaban fontes da organización do evento.

Tamén os libreiros compartiron esta opinión sobre a cita, a máis multitudinario dos tres anos nos que se levou a cabo. A feira fixo unha pequena modificación nas datas con respecto ao ano pasado, de xeito que, se en 2018 tiña lugar a última fin de semana de xuño, desta vez pasouse á primeira de xullo. "Había algúns libreiros que temían que iso puidese restar público, pero finalmente o tempo axudou e parece que tamén se sumaron os turistas a entrar na carpa e participar da festa", comentaba a organización.

Pola súa parte, Érica Martínez, de Espazo Lector Nobel, indicaba que "non fixo nin a calor asfixiante do ano pasado, nin choveu, o tempo estivo ideal". Tamén para Luis Piñeiro, de Librería Metáfora, este foi o mellor ano. "Se o medimos en termos de vendas foinos moi ben", explicaba na tarde deste domingo.

Outros libreiros da cidade calificaban a iniciativa como un evento de incalculable valor pola súa importancia cultural e polo compromiso amosado polo Concello cos libreiros. "Aquí disponemos del espacio y no tenemos que asumir costes para participar en la feria", indicaba a propietaria da librería Luna Nueva, Leticia Caraballo. Do mesmo xeito, Caraballo sinalaba algúns dos libros máis vendidos desta edición. No primeiro posto do podio están indubidablemente, Malaherba, de Manuel Jabois, unha obra que arrasou nos postos de cada unha das librerías que participan na festa. "Influye mucho los autores que vengan a hacer presentaciones, pero uno de los que no estuvo en la feria pero cuyo libro sí se vendió muchísimo fue Domingo Villar con O último barco", indica Caraballo.

Outro dos factores que animou ao público a participar na feira é o ambiente que hai nas rúas da cidade durante as fins de semana. Explicábao este domingo a libreira Mercedes Corbillón, de Cronopios, que aseguraba que a cantidade de vida na rúa que hai na Boa Vila inflúe para atraer público ás casetas. "Ademais, é unha festa moi ben organizada, moi ben decorada, non son uns stands feos e sen graza, senón que está todo moi bonito e atrae a máis xente", contaba a libreira.

Pola Festa dos Libros pasaron este domingo autores como Elena Gallego Abad, Eva Mejuto ou Fina Casalderrey. Ademais, houbo obradoiros e mesmo encontros con dous cans de palleiro protagonistas do libro Don Ferretín Ferretín e o seu cadelo lambón. Estivo tamén o actor e escritor Carlos Bardem, presentando a súa nova novela, Mongo Blanco, nunha conversa guiada pola xornalista e tamén escritora Diana López Varela. Bardem falou sobre a biografía do maior tratante de escravos español e abordou cos lectores algunhas das cuestións da súa novela. Atreveuse tamén co galego para saudar. "Eu non o falo moi ben, mais coñezo o brasileiro", comezou antes da súa intervención.

Comentarios