As expertas amosan temor a que se dispare a violencia machista

As asociacións e o CIM destacan o papel da veciñanza para detectar fogares nos que se puideran estar a producir episodios violentos
Dúas mozas nunha protesta contra a violencia machista. T.M. (ADP)
photo_camera Dúas mozas nunha protesta contra a violencia machista. T.M. (ADP)

Unha bomba de reloxería. Así define unha das traballadoras dos CIM da comarca de Pontevedra a situación de confinamento para moitas mulleres en situación de maltrato por parte da súa parella. "A violencia que xa existía e se empregaba como mecanismo de control agora multiplícase, por iso este confinamento de 24 horas cos seus agresores é un risco engadido para as mulleres", explica a técnica de igualdade Vicky Estévez, integrante da cooperativa As Lilandeiras.

Neste sentido, as opcións para pedir axuda tamén se reducen moitísimo durante o confinamento, ao estar sometidas as vítimas ao control dos agresores durante todo o día. "Difundiuse pola rede unha especie de código co que as mulleres poden ir a unha farmacia e dicir unhas palabras chave para alertar de que está sendo vítima de violencia machista, pero a sociedade non se decata de que esa mensaxe chega tamén ao maltratador", explica Estévez.

Guía. Os recursos dispoñibles
A nivel estatal, autonómico e local, as mulleres contan con números de teléfono aos que chamar para pedir axuda.

016
É o número de información para vítimas e segue funcionando as 24 horas os 365 días do ano. Por e-mail, pódese escribir a [email protected].

Xunta e Concello
Pola súa parte, a Xunta de Galicia dispón do número 900 400 273 as 24 horas e o CIM do Concello de Pontevedra segue atendendo ás mulleres de 9.00 a 21.00 horas no 606 400 680 e as 24 horas no día no número 900 400 680.

Por outra parte, o Concello anunciou esta semana que asumirá as acollidas de mulleres en situación de risco durante a cuarentena se estas o solicitan, así como o reforzo dos servizos de atención ás mulleres a través do teléfono.

Apoio emocional por WhatsApp
O Ministerio de Igualdad dispón de dúas liñas de WhatsApp para prestar atención emocional inmediata a vítimas e familiares. Os números son 682 916 136 e 682 508 507.

Para emerxencias
No caso dunha agresión, cómpre chamar ao 112, ao 091 (Policía Nacional) ou 062 (Garda Civil). Ademais, pódese descargar a aplicación AlertCops, que avisa ás forzas de seguridade da ubicación da vítima sen necesidade de chamar para que estas interveñan.


O período de cuarentena pon a proba as emocións de calquera que se vexa preso na súa casa, o que provoca momentos de crispación e tristura. "O maltratador sente a crispación que supón o confinamento e non a xestiona, polo que responde con agresividade contra a súa vítima, o que motiva máis agresións e con máis frecuencia", conta Estévez, que asegura que os datos que chegan de China e Italia apuntan a unha baixada das denuncias e a un aumento das agresións, segundo os expertos en violencia de xénero.

En España, por outra arte, xa foi asasinada unha muller durante o Estado de Alarma en Castellón. O crime produciuse ante os seus dous fillos menores. Ademais, outra muller atópase moi grave en Sevilla porque a súa parella tratou de asasinala cortándolle o pescozo e sábese do caso dunha muller que se foi da casa onde pasaba a cuarentena co seu marido por un episodio de violencia. "Non podo imaxinar o terror polo que poden estar pasando estas mulleres", explica Estévez, que reflexiona sobre a necesidade de que existan centros de acollida para poder recibir a mulleres en situacións como a actual.

"En Pontevedra non temos un centro deste tipo e quizáis deberíamos pensar na necesidade de dar refuxio a mulleres que pasen por esta situación", conta Estévez. O propio Concello xa anunciou esta semana que prestará este servizo se fose preciso.

Unha traballadora social dos concellos do entorno de Pontevedra engade que, nalgúns dos casos, os problemas de alcoholismo do agresor poden incrementar a súa violencia durante estes días. "Algúns dos maltratadores poden ser bebedores sociais, que se relacionan no bar mentres beben e se desafogan. Ao faltarlles iso, a súa reacción vai ser de maior agresividade contra a súa parella", indica a traballadora.

Estévez recorda que todos os servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero mantéñense aínda que sexa de forma telefónica. Aínda que ás veces custa tamén atopar o momento para realizar esa chamada sen a presenza do maltratador. Para iso, existen aplicacións de móbil para poder contactar coas forzas de seguridade e que interveñan.

Neste contexto, o papel da veciñanza faise imprescindible para detectar fogares nos que se puideran estar producindo episodios violentos. "É fundamental prestar atención ás nosas veciñas porque os asasinatos machistas e as agresións prodúcense no interior das casas".

Pero máis alá da atención que prestas instituciónse forzas de seguridade nestes casos, a sociedade e as organizacións feministas prestan tamén apoio ás mulleres que poidan estar pasando por esta situación. Deste xeito, o Colectivo Feminista de Pontevedra lanzou unha proposta nas redes sociais para frear agresións. Trátase de sensibilizar á poboación de que a violencia non son problemas de parella, polo que é importante non mirar para outro lado. Ademais, animan á poboación a comunicarse "con mulleres que poden estar sufrindo violencia machista" e a non dubidar á hora de chamar á Policía para dar parte dun posible caso de maltrato.