domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

Os expertos defenden vilas que respecten ás persoas nas súas necesidades sociais

Terceira xornada da 'Facultade Ágora', no Pazo Provincial. DP
Terceira xornada da 'Facultade Ágora', no Pazo Provincial. DP
A terceira xornada da 'Facultade Ágora' destacan as oportunidades que xerou a covid para mellorar as cidades

Os Espazos amables, seguros e inclusivos centraron este venres a terceira sesión da Facultade Ágora da Deputación, analizando como debe ser a cidade ideal para vivir e as fórmulas que deben seguir as e os representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia para conseguila. A conclusión foi unánime: debe respectar ás persoas nas súas necesidades sociais e non só no tocante á mobilidade, facendo que o coche se sinta un convidado en lugar de protagonista.

Na xornada participaron o doutor en xeografía Pau Avellaneda e as arquitectas Izaskun Chinchilla, Andrea Otero e Mateus Porto, todos eles facendo un enfoque individualizado sobre como se deben abordar as decisións e tamén sobre como a pandemia está a acelerar a recuperación do espazo público facéndoa, xunto á emerxencia climática, "moi urxente". 

O deputado Uxío Benítez subliñou que "hai que pensar os espazos para que os colectivos vulnerables da sociedade poidan ser usuarios: pensar en nenos e nenas, persoas con discapacidade, maiores ou persoas que non teñen condicións sociais para acceder a outro tipo de espazos que precisan capacidade económica". 

Defendeu que o reto é a aplicación práctica da filosofía de centrar as actuacións nas persoas "xa que ás veces acabamos indo cara a decisións que non se adaptan ás realidades para que sexan amables, seguras e inclusivas". "Non debemos pensar no modelo dos anos 40 e 50 cando se comezaron a construír as cidades baseadas en homes que teñen coches e que precisan acceder o máis rápido posible. Hai que cambiar o chip", animou ás máis de 200 persoas que asistiron aos relatorios.

Seguindo este discurso, Mateus Porto destacou que unha cidade ideal é aquela na que unha persoa "ten a posibilidade de vivir, na que encontra a outras persoas e ten actividades xa sexan laborais e de estudo, onde se sinte a gusto". O tema do tráfico, afirmou, ocupou moito espazo nas cidades de maneira xeralizada, polo que agora defendeu que toca desaprender a facer esa cidade que é para os coches e aprender ou reaprender a recuperar o espazo para as persoas. "Hai que deixar o tráfico no seu sitio, porque é indispensable para que a cidade funcione hoxendía, pero hai moitos lugares nos que os vehículos privados deberían ser invitados e non protagonistas", insistiu.

No seu relatorio O espazo público amable para adiar a fin do mundo lembrou tamén que hai que actuar xa nas cidades "porque non nos queda outra se queremos saír adiante. Se queremos seguir vivindo en paz con nós mesmos e co planeta un dos pasos importantes é transformar a nosa contorna urbana e as nosas rúas". 

OBXECTIVO 8:80. Pola súa parte, Pau Avellaneda explicou que a cidade ideal é a que cumpre co obxectivo 8:80, que sirve para os nenos e nenas de menos de oito anos, pero tamén para os maiores de 80. "Evidentemente, estando preparada para estes colectivos está preparada para todo o mundo. Son cidades e vilas nas que un pode camiñar tranquilo pola rúa, onde un pode xogar, onde pode pasear e sobre todo onde un non teña medo de saír á rúa, onde non me angustia se me pode saír un coche diante da porta e se aquela beirarrúa está ben, se o coche estacionado ou a moto fará ruído... Son cidades que se parecen máis ao campo que á cidade no sentido de cidade amable, tranquila, que te acolle, te respecta...", explicou.

Engadiu tamén que a cidade ideal é a que ten os menos coches posibles, sen que desaparezan por ser necesarios, pero tendo en conta que debe respectar aos outros usuarios viandantes, ciclistas, persoas maiores, nenos e nenas...

Izaskun Chinchilla tamén fixo a súa achega sobre a cidade ideal. Para a arquitecta as cidades mediterráneas son o soporte perfecto, mais é necesario actualizalas nos seus usos. "A cidade ideal é a cidade compacta, continua, cunha axeitada mestura de usos, con abondosa rede de espazos exteriores e adaptados ao clima de cada lugar",dixo. "Temos un punto de partida moi bo, con cidades excelentes, resilientes e ben adaptadas, pero temos que incorporar cuestións como a gobernanza participativa ou a biodiversidade". 

Izaskun Chinchilla: "Debemos ir máis aló, renaturalizar a cidade e facela compatible cos coidados"


A arquitecta apelou á necesidade de mudar o papel que cumpren os coches na cidade: "Para cumprir os Acordos polo Clima de París xa sabemos que é necesario retirar o tráfico motorizado, pero debemos ir máis aló renaturalizando a cidade e facéndoa compatible cos coidados", dixo. Nese sentido, indicou que as "liñas brancas" pintadas sobre o asfalto son un exemplo do "gran fracaso do deseño urbano, porque unha cidade ben deseñada ten que ser quen estimule a intuición das persoas que a utilizan, sen que sexa preciso sinal ningún", afirmou. Chinchilla engadiu que o deseño urbano tense baseado nun "desequilibrio de intereses", tendentes a garantir o desenvolvemento das actividades produtivas, esquecendo o resto de actividades humanas. E dixo que esas "desatencións" xeneraron moitos dos graves problemas que teñen hoxe os espazos habitados.

Tamén dedicou unha atención especial á infancia sinalando que os espazos de xogo actuais son lugares segregados do resto da cidade, con todo o negativo que iso implica.

Mateus Porto: "Fai falta liderado político e a cidadanía ten que estar implicada na transformación" 


O arquitecto tratou o tema do día dentro do contexto da urxencia climática e a crise ambiental, sanitaria e social existente e da importancia de recuperar o carácter amable do espazo público "en momentos como os que estamos a vivir". 

Porto centrouse no carácter humano das persoas que camiñan pola cidade en lugar de "falar de transporte e tráfico que é o que se soe facer cando se intentan arranxar problemas na cidade". Subliñou que a figura do peón como un elemento de mobilidade a pé deixa de lado outras características das persoas, desexos, ambicións de actividades que estas desenvolven no espazo público e que se ven anuladas cando a circulación do automóbil se fai hexemónica fronte a outras funcións da rúa. Tamén indicou que para alcanzar unha boa transformación do espazo non é suficiente con ter solucións técnicas: "Fai falta política, un liderado político, e sen dúbida apoio e unha sociedade convencida. A cidadanía ten que estar convencida e traballar, estar implicada na transformación", afirmou. 

Pau Avellaneda: "O electorado, se é o que preocupa, é intelixente e sabe apreciar estas ideas"


O xeógrafo centrou a súa participación nos camiños escolares, un proxecto ensaiado en moitos lugares, un deles no concello de Pontevedra, e que ao seu entender é unha ferramenta útil para ir pacificando as cidades, que é o obxectivo básico. A partir de aí puxo as bases sobre o camiño escolar tradicional, falando tamén dalgunhas variantes que se van aplicando, os chamados camiños escolares de segunda xeración, cales son as súas vantaxes e inconvintes e que achegan na reconfiguración do espazo público e a autonomía infantil.

Avellaneda aconsellou ós políticos e técnicos que participan na Facultade Ágora "que miren cara ao futuro", pois advertiu que se non se cambian as cidades "vai ser francamente negro" polos problemas do cambio climático, de biodiversidade e de cohesión social vencellados á expulsión da cidadanía do espazo público. "Iso é cara onde temos que mirar. Non teñamos medo. O electorado, se é o que preocupa, é moi intelixente, sabe apreciar estas ideas", dixo.

Tamén tivo palabras sobre a cultura do espazo público trala pandemia, sinalando que coa covid, políticos e cidadanía déronse conta "de que non podíamos seguir por onde iamos": "O que fixo foi acelerar os procesos que xa estaban aí latentes en moitos concellos, pero que non se atrevían a poñer sobre a mesa. Hai unha explosión de iniciativas neste sentido", aseverou.

Os expertos defenden vilas que respecten ás persoas nas súas...
Comentarios
ç