Os expertos urxen a redeseñar as vilas e cidades para facelas máis saudables

Na primeira xornada de formación apelouse á valentía política para avanzar nos cambios
Coloquio celebrado na 'Facultade Ágora'. DP
photo_camera Coloquio celebrado na 'Facultade Ágora'. DP

A primeira xornada da Facultade Ágora da Deputación deixou unha cuestión clara: é necesario que cidades e vilas modifiquen de maneira urxente o seu deseño e se reorienten cara a modelos centrados nas persoas e non nos coches, tanto por cuestións de saúde como de medio ambiente.

Así o sinalaron todos os profesores que interviron este venres: o urbanista José Fariña, o especialista en medio ambiente urbano Salvador Rueda, así como os protagonistas do coloquio O espazo público como dereito. 

A xornada contou coa asistencia de máis de 200 representantes de concellos da provincia e persoal técnico relacionado co espazo público, tanto dos municipios pontevedreses como de fóra de Galicia, inscritos co obxectivo de formarse para a toma de decisións que supoñan a creación de espazos públicos de calidade para as persoas.

O deputado Uxío Benítez, que deu inicio ás intervencións, salientou a importancia de ter unha "cultura do espazo público", xa que a día de hoxe as facultades tanto de Arquitectura como de Enxeñería apenas tratan a materia. Destacou que a Facultade Ágora e a Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público,da que forman parte 54 concellos da provincia, quere mellorar esa situación e ter resultados concretos de cara a 2023, cando se pretende que o espazo gañado aos coches para destinalo ás persoas se incremente porcentualmente de maneira clara e comprobable.

COLOQUIO. No coloquio participaron o vicepresidente da Deputación, César Mosquera; o concelleiro de Mobilidade de Bilbao, Alfonso Gil, e o ex concelleiro de Torrelodones Santiago Fernández en substitución da ex alcaldesa Elena Biurrum, ausente por motivos de saúde. Todos eles falaron das experiencias nas súas localidades e sobre retos e responsabilidades na gobernanza. A coincidencia foi plena na necesidade de actuar para modificar o deseño das vilas e cidades con "determinación e valentía política". 

Puxeron o foco, empezando por César Mosquera, en que o espazo público é un dereito á mesma altura que a Educación ou a Sanidade, polo que todas as intervencións que se realizan deben ter en conta as implicacións e consecuencias dese principio: "Se as persoas son o máis importante haberá que darlle máis do 50% do espazo público e non aos coches", subliñou Mosquera, quen insistiu en que se unha forza política concorre a unhas eleccións cun programa no que defende a recuperación do espazo público e non o executa porque xurden protestas de "minorías ruidosas", está a cometer un "fraude" por non cumprir coa súa palabra.

Pola súa parte, Alfonso Gil puxo por diante o traballo de Bilbao á hora de pensar a cidade con dúas ferramentas: a redución da velocidade e a aplicación dun Plan de Acción de Xénero.

Santiago Fernández tamén explicou o caso de Torrelodones, con 23.000 habitantes e unha realidade de asentamento poboacional difusa, baseada nas urbanizacións. Apuntou como dende que Biurrum se fixo cargo da Alcaldía desta cidade madrileña se reenfocou a política en relación coa mobilidade natural nun municipio que se tiña desenvolvido baixo o concepto de cidade dormitorio e ao que foron dotando de interesantes infraestruturas peonís e de calidade do espazo público.

No que respecta ás intervencións dos profesores, o primeiro en participar foi o urbanista José Fariña, que definiu a Facultade Ágora como unha iniciativa "absolutamente oportuna" porque o momento actual, ao seu entender, "é crítico non só para o planeta, senón tamén para nós mesmos". 

O considerado pai das supermazás de Barcelona, o especialista en urbanismo ambiental Salvador Rueda, definiu tamén a Facultade Ágora como unha iniciativa moi benvida. "Todo o que se faga no ámbito da transfromación das cidades cara a espazos máis sustentables será pouco", dixo.

A inauguración oficial celebrarase o día 21
O vindeiro evento da Facultade Ágora será a inauguración oficial o vindeiro día 21 de abril, coa conferencia de apertura do padriño do curso, o director xeral de Arquitectura e Axenda Urbana do Ministerio de Mobilidade, Iñaqui Carnicero.
O día 23 de abril será a segunda xornada formativa, na que participarán figuras como o asesor de mobilidade da alcaldesa de París Carlos Moreno ou especialistas como Isabela Velázquez, Rubén Lois ou Valeiro González.

"O problema é un modelo de vida que depende do coche" 


"É un caso de auténtica emerxencia e hai que facer algo, que implica cambiar o modelo que ata agora se propuña de deseño e organización das cidades. Hai que cambiar o modelo baseado no automóbil privado cara a un modelo baseado no peón. Así de fácil".

Así o asegurou José Fariña, quen argumentou cuestións de saúde, xa que o modelo baseado no coche é sedentario, contaminante e insostible porque consume recursos do planeta que non se poden soportar, e subliñou que o cambio de modelo cara ás persoas é máis sano "porque se fai o exercicio máis elemental, andar, que ademais é o máis barato".

Para acadar ese cambio de modelo hai que centralo, dixo, en tres grandes liñas de actuación: deseñar cidades para o peón, para andar, de cercanía ou compactas; introducir a natureza na cidade porque a maior parte do espazo público foi destinado a calzadas para os automóbiles; e crear espazos de convivencia, xa que desapareceron.

CONCELLOS PEQUENOS. En relación aos concellos máis pequenos, como os da provincia de Pontevedra, o experto José Fariña defendeu que para eles é máis fácil o cambio. "O problema é un modelo de vida que depende do coche. Temos metido na cabeza como funcionar e hai que cambiar modos de vida, formas de vivir. Probablemente en sitios pequenos non sexa necesario facer nada. A natureza está xa ao lado, e seguramente sexan vilas camiñables, polo que o que habería que facer debería ser darlle máis facilidades ao peón para que camiñe, facer espazos máis confortables, facer que algunhas calzadas sexan prioritarias para os peóns en lugar de para os coches. Eu estou preocupado polas grandes cidades e en Galicia por toda a zona de costa, que é unha grande área metropolitana. Iso é o que hai que empezar a plantexar", subliñou.

"Se se pode facer en Barcelona, non o vai poder facer un concello?" 


O especialista en urbanismo ambiental subliñou que se tardou demasiado en tomar consciencia de que é preciso recuperar o espazo público para as persoas, algo que nos últimos meses se evidenciou a raíz da pandemia. O espazo publico nas cidades é a chave, dixo, "para poder achegarnos a un futuro con menos incertidume". "Estamos nunha situación moi grave de emerxencia climática. Todos os problemas están xerados principalmente polas cidades e deben abordarse de maneira rápida e global con modelos que permitan facer cambios en tempos reducidos. Sen a transformación do espazo público e da mobilidade actual é bastante difícil acadar obxectivos", subliñou. Para Rueda o espazo público "é a casa de todos" e os usos que se lle dean serán vitais para o futuro e para o presente porque mellorarán a calidade urbana e de vida.

Na súa charla explicou como é posible facer unha proposta de cambio dunha cidade en tempo récord, con investimentos reducidos e resultados de mellora da calidade urbana e de vida únicos a través dun proxecto no que leva traballando hai 30 anos en Barcelona - as supermazás-, que permite conseguir que a maior parte do espazo hoxe estea dedicado á mobilidade para outros usos, pero sen comprometer o funcionamento ou o tráfico (que se debe reducir entre un 15 e un 21%, como durante o confinamento).

En canto á aplicabilidade dun modelo como o de Barcelona na provincia de Pontevedra, Rueda subliñou que "se se pode facer en Barcelona, non se vai poder facer nun concello? A dificultade redúcese á mínima expresión sempre que teñamos núcleos urbanos consolidados no espazo público". Para finalizar, animou a outras vilas e cidades a seguir o exemplo de Pontevedra ou Barcelona: "Hai que incorporar o bo e o mellor destas experiencias", indicou. "É urxente". 

Comentarios