A exposición sobre Tonucci despídese tras recibir a visita de case 8.000 persoas

Entre os asistentes cóntanse máis de 4.000 escolares de 57 colexios da provincia ►A Deputación fala dun "enorme éxito"
Un dos moitos grupos de rapaces que percorreron a exhibición coas viñetas de Frato
photo_camera Un dos moitos grupos de rapaces que percorreron a exhibición coas viñetas de Frato

A Deputación de Pontevedra clausurou este domingo a exposición Imaxinar a educación. 50 anos con Frato despois de ter acadado un "rotundo éxito" de visitas, segundo indicou o Goberno provincial.

A mostra sobre a filosofía do pedagogo italiano Francesco Tonucci permaneceu no Pazo da Cultura dende o pasado 28 de abril e, ao longo deste mes e medio, foi visitada por máis de 7.800 persoas.

Máis concretamente, durante as últimas seis semanas pasaron por ela, en visitas concertadas cos centros educativos, máis 4.000 escolares de 57 colexios da provincia chegados de 24 concellos diferentes, dez dos cales están adheridos á rede de Cidades dos nenos e nenas promovida polo propio Tonucci.

A estes datos hai que engadir os grupos de escolares que se sumaron á ultima hora ou que visitaron a exposición sen ter concertado o percorrido previamente.

Polo menos medio milleiro de profesores pasaron pola mostra, ao igual que moitos estudantes de facultades vencelladas ao ensino

A mostra foi atractiva tamén para os docentes e os estudantes de Ciencias da Educación. De feito, foron alomenos medio milleiro de profesores os que percorreron os diferentes espazos de viñetas e de creación do debuxante e pedagogo Frato no Pazo da Cultura, así como varios grupos de estudantes de diferentes facultades vencelladas ao ensino.

O resto dos visitantes foron cidadáns que, de xeito particular e tamén a través de colectivos ou asociacións, non quixeron perder as viñetas do italiano e os obradoiros de xogo e autonomía repartidos nos 1.500 metros cadrados que tivo a exposición.

Nesa superficie, os máis pequenos tamén disfrutaron dun grande espazo no que puideron interactuar en prácticamente todas as áreas da mostra: de xogo, de construcións, de bicicleta, de natureza e de autonomía.

Entre mediados e finais de maio, a cifra de visitantes xa acadaba o número de 4.000 persoas, polo que a Deputación aspiraba chegar a unhas 7.000, segundo manifestou o vicepresidente, César Mosquera. Finalmente, e mellorando aínda a grande acollida que houbo nun primeiro momento, durante as últimas semanas as tardes foron aínda máis concorridas (as mañás estaban destinadas principalmente ás visitas concertadas), polo que a cifra case acada os 8.000 participantes.

Por outra banda, os roteiros Tonucci, realizados pola institución provincial cos integrantes de Migallas Teatro, acolleron a 710 rapaces chegados desde moi diversos puntos da provincia.

Comentarios