Unha exposición transmedia celebra en Pontevedra a revolución musical no século XXI

Catorce paneis, listaxes en Spotify e YouTube, e unha unidade didáctica permiten coñecer toda a variedade de estilos, formacións e solistas que compoñen o panorama musical en galego a día de hoxe
Alberto Oubiña.GONZALO GARCÍA
photo_camera Alberto Oubiña.GONZALO GARCÍA

O concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña presentou este luns pola mañá a mostra Cantámola en galego que definiu como "un paseo pola nosa música durante os últimos 20 anos e un achegamento ás bandas, ás solistas e a todas e todos aqueles que están facendo música en galego en diferentes estilos por todo o país". Trátase dunha exposición 'transmedia' na que se combinan 14 paneis con listaxes de reprodución en Spotify, listaxes de vídeos en YouTube e unha unidade didáctica, coa que, desde o Servizo de Normalización Lingüística, se oferta a posibilidade de coñecer oa ampla variedade de estilos e formatos do panorama musical actual en lingua galega.

A mostra, que será inaugurada este luns pola tarde nun acto encabezado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, permanecerá visitable na praza de Ourense durante todo o mes de maio e, a partires de setembro, será adaptada a formato itinerante —por medio de roll upse— e estará dispoñible para centros de ensino, centros sociais e mesmo outros concellos que a soliciten. Ademais, tamén se oferta unha unidade didáctica, tanto en formato impreso como descargable a través da web do Concello, para alumnado de secundaria realizada pola escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial.

"Hai un grandísimo descoñecemento de toda a variedade que temos, e hai toda unha fervenza de propostas que temos que poñer en valor e ensinarllas ao público"

Alberto Oubiña explicou que esta mostra recolle toda unha eclosión musical nacida da revolución que no seu día supuxo o 'bravú' e asegurou que "esa revolución deixou semente, ampliouse, e cambiaron as maneiras de compoñer, cambiaron as letras, cambiaron os estilos musicais, e iso tamén favorece que, hoxe por hoxe, se escoite música en galego e ademais todas aquelas que o fan, o fan con orgullo na nosa lingua". Indicou ademais que "desta explosión musical vimos avisando no Concello de Pontevedra desde hai anos" e puxo como exemplo o festival Galegote Rock, que ten achegao á cidade a moitas das bandas e das solistas de todo o país que aparecen na mostra.

A comisaria Teresa Cuíñas insistiu en que "no global é un proxecto creado e pensado fundamentalmente para estimular na cidadanía, e nos adolescentes, a curiosidade e o interese pola música e sobre todo polas músicas en galego". Pola súa banda, o crítico musical Pepe Cunha situou o seu labor de comisariado como unha forma de "encauzar todo o que levo facendo durante 20 anos e tratar de compilalo por estilos, con respecto a como se expresan as artistas cun estilo e cunhas ferramentas musicais".

Explicou que "máis aló do que se coñece como música combativa ou tradicional que sempre se asociou ao galego sen ningún problema, temos propostas de todo tipo" e centrou o período no que se centra a mostra "coindicinte coa chegada de internet, co feito de que gravar e compartir música pola rede sexa moito máis barato e iso tamén contribúe a que haxa moitísima oferta". Esta grande cantidade de oferta, esixiu no seu caso "unha peneira dos estilos" e, a este respecto, afirmou que "vai faltar xente pero penso que todas as propostas que están son imprescindibles".

Comentarios