martes. 27.10.2020 |
El tiempo
martes. 27.10.2020
El tiempo

O exresponsable de medio ambiente de Podemos Galicia, número un de Más País por Pontevedra

Daniel Liceras. FACEBOOK
Daniel Liceras. FACEBOOK

Daniel Liceras estará acompañado na lista por Eduardo Alfonso Ortiz Prezado, Ruth Vallejo Vidal, Laura Villaverde Rodríguez e Sergio Míguez Belo

Más País publicou este domingo as listas de candidatos para as próximas eleccións xerais do 10 de novembro e abriu na súa páxina web a votación para que os seus inscritos as ratifiquen. Nelas, figura como número un por Pontevedra o exresponsable de medio ambiente de Podemos Galicia Daniel Liceras Pascual, mentres que a exfundadora do partido morado Carolina Bescansa encabeza a candidatura da Coruña.

En concreto, segundo informou na súa conta de Twitter o partido que lidera Íñigo Errejón, os máis de 20.600 inscritos de Más País teñen até as 22,00 horas deste domingo para votar a ratificación das listas.

A iniciativa de Errejón en Galicia conta deste xeito con varios integrantes da cúpula de Podemos na Comunidade. Ademais de Liceras e Bescansa, aparecen nas listas exintegrantes do Consello Cidadán como Natalia Prieto Fernández e Rogelio Santos Queiruga –irmán de Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos en Galicia e aínda deputada autonómica–, que dimitiron esta mesma semana.

Así, a lista por Pontevedra ao Congreso, a falta de ratificación por parte dos inscritos, encabezaraa o xestor ambiental Daniel Liceras Pascual, seguido por Eduardo Alfonso Ortiz Prezado, Ruth Vallejo Vidal, Laura Villaverde Rodríguez e Sergio Míguez Belo. Nesta circunscrición non figura candidatura para o Senado.

Por parte da Coruña, tras Carolina Bescansa están Natalia Prieto, Bieito Cambeiro Porrua, Eduardo Martínez Neto, José Manuel Romarís Cercós e Rogelio Santos Queiruga como candidatos á Cámara Baixa. Ao senado, Olga Dourado González, próxima a Bescansa, aparece como candidata única, con Manuel Iglesias e Fabiana Beatriz García Porto de suplentes

UN "PROCESO PARTICIPATIVO". Más País, a plataforma impulsada polo deputado da Asemblea de Madrid Íñigo Errejón para as próximas eleccións xerais, puxo en marcha un "proceso participativo" para a "ratificación" das listas que presentará ás Cortes Xerais nos comicios do 10 de novembro.

Segundo explicou a plataforma nun comunicado, o proceso comezou o pasado venres coa inscrición dos votantes e os candidatos, tras o cal este domingo se publicaron as candidaturas e levará a cabo a votación entre as 8,00 e as 22,00 horas. Ás listas puidéronse presentar todas aquelas persoas que estean inscritas na web de Más País e que asinasen o código ético e a carta financeira.

Para cumprir cos prazos legais, Más País ten até este luns, 7 de outubro, para comunicar as súas listas electorais ás xuntas electorais provinciais.

Concretamente, todos os partidos e coalicións teñen de prazo até as 00,00 da noite do lunes para presentar nas xuntas electorais provinciais as súas candidaturas ao Congreso e ao Senado para as eleccións xerais do próximo 10 de novembro.

Estas listas publicaranse no Boletín Oficial do Estado (BOE) o vindeiro mércores, 9 de outubro, aínda que non serán definitivas porque a partir de aí abrirase un breve prazo para revisalas, corrixir erros e estudar os posibles recursos e impugnacións que se poidan presentar.

O exresponsable de medio ambiente de Podemos Galicia, número un de...
Comentarios