A Facultade Ágora cuestiona os patinetes e os coches eléctricos como "mobilidade alternativa"

Os expertos destacan a importancia de moverse a pé e en bici por saúde, seguranza viaria e recuperación do espazo para as persoas
undefined
photo_camera A xornada celebrada este venres na Facultade Ágora reuniu a destacados expertos en mobilidade. DP

O sexto seminario da Facultade Ágora da Deputación puxo este venres sobre a mesa a necesidade de mobilidades alternativas para desenvolver correctamente as cidades. As expertas e expertos foron claros: ''É preciso desbotar como solución os patinetes e os coches eléctricos, que só abordan o problema das fontes de enerxía e a contaminación, mais non contribúen a un cambio de modelo no que se potencie a saúde, nin a recuperación de espazos para as persoas, nin a seguranza viaria''.

Na xornada estiveron presentes o xeógrafo, matemático e técnico urbanista Alfonso Sanz, que traballou como consultor en máis de 30 cidades españolas; o arquitecto e experto José Carpio-Pinedo; a ex responsable da Oficina Metropolitana da Bicicleta en Barcelona e coordinadora da Rede de Cidades pola Bicicleta, que traballa para o Concello barcelonés nos proxectos de transformación urbanística, Silvia Casorrán; o arquitecto urbanista Martín Barreiro; e o coordinador de Contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot.

O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, asegurou que nas cidades e vilas é preciso apostar por unha mobilidade activa, camiñar e andar en bicicleta, fronte aos vehículos motorizados e á electrificación. Criticou que os fondos Next Generation de reconstrución trala pandemia estean centrados na aposta polas zonas de baixas emisións e os coches eléctricos, en lugar de plantexar un cambio no modelo urbano que teña como prioridade a cohesión social.

Neste sentido, Alfonso Sanz criticou duramente patinetes e coches eléctricos como solución definitiva á mobilidade nas cidades e destacou que a Lei de Cambio climático afectará ás vilas de máis de 50.000 habitantes obrigando a crear zonas de baixas emisións, mais destacou que esta normativa inclúe o Plan Nacional Integrado da Enerxía e Clima (PENIEC) que realmente ten como obxectivo reducir un 35% os quilómetros percorridos. Subliñou que, no caso de vilas pequenas, o fundamental é seguir transformando o espazo público para facelo máis accesible, entendendo as travesías como parte da cidade onde hai circulación de vehículos pero estes deben entrar como invitados.

Pola súa banda, José Carpio tamén criticou as zonas de baixas emisións e a electrificación por facer referencia unicamente ao tema ambiental. Insistiu en que se está a roubar espazo á cidadanía e preguntou que acontecerá cando en 15 anos toda a frota de vehículos xa sexa eléctrica. ''Igual que hai carrís VAO debería haber zonas VAO, non utilizar o automóbil para unha soa persoa. Hai que ir cara a outro plantexamento, como garantir o dereito a chegar a un lugar, a un aparcamento disuasorio e despois optar por outras mobilidades'', finalizou.

En xeral, na xornada defendeuse que as solucións da mobilidade deben ser construídas por cada cidade ou vila, xa que cada unha ten un contexto distinto, e basicamente baixo as fórmulas de mellorar a mobilidade activa, con desprazamentos peonís e ciclistas, e deixar de forma moito menos abusiva e residual o uso dos vehículos privados.

Exemplos prácticos
A arquitecta Silvia Casorrán comentou exemplos postos en práctica en Barcelona e na súa área metropolitana, cos retos como conectar cos municipios veciños a pé e en bicicleta, unha cuestión esquecida durante moitos anos, e como se están a implementar, con exemplos concretos como as Superillas. Tamén explicou o proxecto Protexer as escolas, que está a traballar para que a contorna de todas as escolas sexan espazos seguros. Pola súa banda, Martín Barreiro falou sobre as mobilidades alternativas en contextos rururbanos como as Rías Baixas. Subliñou que é imprescindible entender a definición de rururbano, posto que é chave para entender por que a mobilidade alternativa, ir a pé ou en bicicleta, é tan importante neste tipo de asentamentos.