martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

A 'Facultade Ágora' guiará a políticos e técnicos no bo uso do espazo público

A 'Facultade Ágora' foi presentada no Pazo Provincial e por vía telemática. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A 'Facultade Ágora' foi presentada no Pazo Provincial e por vía telemática. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A iniciativa da Deputación contará con profesorado do máximo nivel e aspira a facer da provincia un referente internacional

O Departamento de Mobilidade da Deputación presentou oeste mércores a Facultade Ágora, unha iniciativa creada para formar a representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia sobre a recuperación do espazo público para as persoas. Os primeiros en coñecela foron os representantes dos concellos da provincia, consultoras e profesionais libres relacionados coa arquitectura e a enxeñería, que participaron nunha reunión telemática liderada pola presidenta provincial, Carmela Silva; o vicepresidente, César Mosquera; o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e os responsables de contidos do proxecto, Ana Montalbán e Fernando Nebot.

Tal e como destacou Benítez, a Facultade pretende dotar de coñecemento e información ás persoas que toman decisións nos concellos para influír e animar a realizar actuacións nas rúas, prazas e lugares de vilas e cidades que poñan ás persoas no centro de todos os proxectos de reforma urbana. Así, subliñou que se abordará o espazo público dende diferentes enfoques e disciplinas, habendo entre os relatores xente da enxeñería, a arquitectura, a socioloxía, a pedagoxía, a mediciña, a fotografía, o deporte, a xeografía, a bioloxía, a paisaxe e o medio ambiente, entre outros.

"O profesorado ten nivel internacional e é de moita relevancia. Imos facer unha iniciativa que non a hai en ningunha parte do mundo. Creo que imos consolidar a Pontevedra como unha referencia internacional do espazo público e da formación nese ámbito, dende unha visión complexa por como é o noso territorio", subliñou.

A secretaria técnica da Facultade, Ana Montalbán, destacou pola súa banda que "o coñecemento é a base da acción" e engadiu que o obxectivo é que a Facultade teña unha capacidade transformadora na realidade da provincia.

O vicepresidente Mosquera quixo incidir na importancia das persoas relatoras que participarán na iniciativa, de traxectoria "espectacular" e nas que o Goberno de Pontevedra se inspirou para levar adiante o seu modelo. "Non hai premios Nobel nesta área, pero como mínimo todas as persoas relatoras estarían nominadas", subliñou. Engadiu, así mesmo, que o fundamental da Facultade é que tanto políticos como persoal técnico teñan claro o principio de que as persoas deben ser o centro das actuacións.

Na súa intervención, Carmela Silva quixo agradecer aos coordinadores da Facultade Ágora "o seu coñecemento, o seu compromiso e a súa capacidade para atraer cara a un novo modelo de espazo público ás cidades e vilas". A presidenta tamén amosou a súa felicidade porque este sexa un proxecto paritario, posto que "as mulleres temos moito que aportar no espazo público". 

O profesor e asesor de contidos Fernando Nebot subliñou que a Rede Ágora de concellos pola recuperación do espazo público parte dunha idea na que se insistirá na Facultade: que a intervención nas cidades e vilas debe ser integral e que a finalización da obra non é o final da actuación. Asegurou que son fundamentais tanto a concepción do territorio, a vontade política de levar adiante modelos amigables do espazo público, o deseño dos proxectos e a súa realización, pero sempre co paso final do uso por parte da cidadanía: "Cando a xente fai súa unha actuación, unha obra, e a interioriza na súa vida é cando se acada o obxectivo... Ese tamén é o obxectivo de Ágora, que o espazo público sexa para a cidadanía", remarcou. Ademais da presentación oficial da Facultade, tamén se efectivizou outra das iniciativas do proxecto Ágora da Deputación: a publicación das bases de subvencións para os concellos da provincia, que teñen unha contía de 2.435.000 euros destinados a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís.

Panel de expertos
O curso de 2021 da Facultade Ágora comezará o 9 de abril e prolongarase ata novembro, repartido en 4 módulos e 12 seminarios. A matrícula comezará o 8 de marzo e pecharase o 8 de abril; estará dirixido fundamentalmente a persoas da política, o ámbito técnico, policía, paisaxe ou medio ambiente, entre outras áreas, con prioridade para o persoal dos Concellos Ágora.
A estrututura de cada sesión será dunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas, e unha terceira de debate.
Algunhas das persoas xa confirmadas para o profesorado son Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’; María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, consultora en Gea21; Salvador Rueda, director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros.

A 'Facultade Ágora' guiará a políticos e técnicos no bo uso do...
Comentarios
ç