A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación quedará só co segundo apelido

A decisión está vencellada á segregación de Dirección e Xestión Pública, que aglutinará os seus estudos noutro edificio

Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ciencias Sociais e da Comunicación iniciou os trámites para cambiar a súa denominación oficial, a través da aprobación en Xunta de Facultade da memoria na que solicita mudar o seu nome polo de Facultade de Comunicación. Como explica a decana, Emma Torres, en declaracións ao Duvi, trátase do primeiro paso “dun procedemento que vai ser longo” e que vai ligado á creación da nova facultade que englobará o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, ata o de agora adscritos a este centro.

Deste xeito, sinala, esta pasará a ser "unha facultade puramente de comunicación, polo que nos parece que simplificar a súa denominación pode ser unha boa fórmula para manter un bo posicionamento como centro de referencia”. 

"Tendo en conta os cambios que imos ter coa creación da nova Facultade de Dirección e Xestión Pública, parecíanos necesario concretar que é facultade resultante”, sinala Torres. Nese senso lembra que, unha vez concluído o proceso de creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, o centro pasará a englobar os graos en Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual, os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e doutoramento en Comunicación, que se leva a cabo xunto coa Facultade de Filoloxía e Tradución.

A facultade resultante englobará os graos de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual, así como tres mestrados e un doutoramento

Nese senso, a memoria aprobada en Xunta de Facultade incide en que o centro pasará a contar cunha “especificidade na oferta de títulos de comunicación que pode ser beneficiosa en termos de posicionamento e competitividade”.

ENQUISA NO CENTRO. Como recolle a memoria da solicitude remitida aos órganos de goberno da Universidade de Vigo, a proposta do novo nome partiu dunha “análise interna e externa” que, por unha banda, levou a revisar as denominacións existentes nos centros de 67 universidades españolas que imparten estudos de comunicación. Esta análise externa puxo de relevo que “non son comúns as denominacións específicas de comunicación, o que supón unha oportunidade de diferenciación e posicionamento” para a facultade.

Por outra banda, co obxectivo de coñecer as opinións do profesorado e persoal do centro, así como de “implicar ao alumnado” no proceso, realizouse unha “pequena enquisa” que foi respondida por 109 persoas. A proposta de Facultade de Comunicación foi a apoiada polo 43% das e os participantes nesta consulta virtual, mentres que preto dun 24% decantáronse por Facultade de Ciencias da Comunicación e un 23% por manter o seu nome actual.

A actual denominación de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, como recolle esta memoria, aprobouse en 2001, coincidindo coa implantación dos estudos de Comunicación Audiovisual, xa que a denominación inicial do centro, que iniciou a súa traxectoria en 1993 na sede provisional da rúa Serra era o de Facultade de Ciencias Sociais.

A actual denominación aprobouse en 2001 trala implantación de Comunicación Audiovisual, pois a orixinal, Ciencias Sociais, data de 1993, cando se creou a facultade orixinaria na sede provisional da rúa Serra

Aquel nome, explicou Torres, respondía “ao espírito co que naceu de que convivisen títulos diversos dentro das ciencias sociais”, mais, engade, “se no futuro existe a posibilidade de crecemento, vai ser sempre no ámbito da comunicación”. Deste xeito, como recolle a solicitude, a nova denominación contribuirá a que o centro “se posicione dun xeito claro no mercado” e reivindique “o carácter de exclusividade dos estudos que imparte na contorna”.

PRIMEIRO DOS PASOS. Como explica Torres, esta solicitude terá que ser aprobada en primeiro termo polo Consello de Goberno da Universidade e obter o informe favorable do Consello Social. Unha vez obteña o visto e prace dos órganos de goberno da institución académica, a proposta de cambio de denominación terá que pasar tamén polo Consello Galego de Universidades, ser publicado no DOG e remitido ao Registro Universitario de Centros e Titulaciones (RUCT).

Comentarios