Fado, tradición e hip-hop no escenario das festas

A cidade acolleu tres concertos simultáneos de María do Ceo, Marcelo Dobode e Woyza en distintos lugares. Todos estes espectáculos estiveron marcados por medidas de seguridade como o control de aforo e a desinfección
Marcelo Dobode.JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Marcelo Dobode.JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O primeiro sábado da semana grande da Peregrina chegou pisando forte con tres concertos simultáneos de María do Ceo, Marcelo Dobode e Woyza.

A praza da Ferraría foi o lugar escollido para o concerto da portuguesa María do Ceo, xa considerada sucesora de Amália Rodrigues, O seu fado conquistou aos asistentes, ao mesmo tempo que a artista mesturaba a melancolía portuguesa coa paixón galega sen deixar indiferente a ninguén. Esta recoñecida embaixadora da cultura galega por todo o mundo foi quen de transportar a identidade cultural luso-galaica ao escenario da Ferraría e aos alí asistentes.

Ao mesmo tempo, a praza de España foi o lugar destinado a acoller ao pontevedrés Marcelo Dobode, quen presentou o seu primeiro disco, 'Turoqua', na súa casa. O vocalista e pandereteiro estivo acompañado pola súa banda. Xuntos lograron traspasar no escenario as fronteiras da tradición ofrecendo unha mestura de soul, funk e rock. A súa proposta sorprendeu, para ben, ao público dun concerto que o propio Dobode definía como un soño.

Para rematar a primeira xornada das festas, a música chegou tamén as pistas de Campolongo, coa actuación da moañesa 'Woyza', unha das pioneiras do hip hop galego. O seu estilo contemporáneo e urbano fixo vibrar a un público entregado.

Todos estos eventos celebráronse baixo as medidas de seguridade necesarias. A entrada aos recintos abriuse unha hora antes dos espectáculos para evitar aglomeracións. Os asistentes tamén tiveron que pasar por unha alfombra desinfectante e levar máscara en todo o momento.

Comentarios