YOLANDA DÍAZ

"Fago un chamamento ás formacións galegas de esquerda para entendernos de cara ás autonómicas"

O 10 de novembro marcou, para a deputada electa de Podemos, o camiño a un "goberno de esquerdas" e o inicio á carreira dos comicios autonómicos

Yolanda Díaz. GONZALO GARCÍA
photo_camera Yolanda Díaz. GONZALO GARCÍA

Só un día despois de coñecer a decisión dos cidadáns, Yolanda Díaz, marca dous horizontes claros: a formación dun goberno de esquerdas xunto ó PSOE; e o pistoletazo de saída ás eleccións galegas.

Que valoración fai dos resultados electorais do 10-N?
Creo que a repetición de eleccións tiña un dobre obxectivo, por unha banda, acabar co noso espazo político e, por outra, reforzar ó bipartidismo. E penso que ningún deses dous obxectivos se cumpriu. O bipartidismo hoxe é todavía máis feble do que era antes e o noso espazo goza de moi boa saúde. A preocupación e a irresponsabilidade desta repetición electoral é que se lle abriu a porta á extrema dereita. Isto é moi alarmante. Foi realmente grave o que se fixo e agora toca tomarse en serio este fenómeno. Xa onte –polo domingo– o discurso de Abascal situábase na contorna do fascismo europeo cando fixo esa apelación ó nacionalpopulismo e cando fixo un chamado incluso ás xentes da esquerda. A urxencia está en por un cordón sanitario á extrema dereita e para iso non hai nada mellor que desenvolver políticas que protexan ás persoas.

E en clave galega?
En Galicia, o noso espazo aparece absolutamente consolidado como vimos dicindo. A perda de votos que tivemos coincide co resultado que acada o partido de Iñigo Errejón en cada cidade, en cada vila a nosa baixada coincide coa que eles acadan. Estamos diante dun mesmo perfil, tamén é certo que sabiamos que o partido de Errejón e Bescansa non ía acadar representación pero a fragmentación e a dispersión de voto non axudan. Díxeno sempre. O noso espazo está consolidado e seguiremos traballando polo noso país, pola provincia e polas políticas que melloran a vida da xente.

Que cre que vai acontecer agora ou que debería acontecer?
Só hai dúas saídas: unha delas é a que nós cremos que é a correcta, a que xa votou a xente o 28-A e a que votaron onte –polo domingo–. Hai unha maioría cun bloque de progreso. Para frear á extrema dereita necesitamos que avance un goberno de esquerdas. É a nosa proposta, se non quere Sánchez, o que lle queda é un pacto co PP. O escenario de hoxe é peor que o que tiñamos o 28-A. Imos traballar para concitar un goberno de esquerdas, que cremos que é o que quere a maioría progresista deste país.

Que será o primeiro que porá sobre a mesa do Congreso?
Hoxe chamáronme unhas persoas de colectivos moi relevantes para desenvolver unha lei na contorna das persoas autónomas e outra que ten que ver coa democracia económica. Estas dúas leis xa as tiñammos medio traballadas pero non avanzamos. Deixeinas preparadas na confianza de que puidera haber goberno, unha que ten que ver coa discriminación que sufren as mulleres viúvas. É probable que empecemos por estas normas que teñen que ver coa vida da xente. O máis bonito das tarefas no Congreso é a actividade lexislativa, e desde logo estas normas que temos preparadas serán a prioridade.

Empeza a conta atrás para as autonómicas?
Sen lugar a dúbidas. Á parte do resentimento que tivo o noso espazo político e o PSOE o gran erro foi entregarlle a primeira posición política ó PPdG. Efectivamente, a carreira ás eleccións autonómicas empeza xa e eu fago unha reflexión en voz alta para saír xa a concitar o entendemento entre as distintas formacións que concurrimos desde a esquerda para facer posible unha Galicia liberada do PP. Só con xenerosidade e comprendendo que temos que tecer un goberno común o conseguiremos. Fago xa un chamado a todas as formacións políticas que están fóra dos arcos da dereita para entendernos. Isto é urxente.

Comentarios