Falece aos 54 anos o profesor pontevedrés Verísimo Pazos

Foi pioneiro en Galicia na defensa dos dereitos LGTBI+ ► Tamén era membro do Consello Nacional de CC OO e da Federación de Ensino
Veri Pazos. CC OO
photo_camera Veri Pazos. CC OO

O sindicato CC OO informou este luns do falecemento de Verísimo Pazos aos 54 anos. Este pontevedrés era membro do Consello Nacional da organización e integrante da Comisión Exectuiva da Federación do Ensino.

Veri Pazos era profesor de secundaria e un destacado activista polos dereitos da comunidade LGTBI+.

En 2004 converteuse coa súa parella, Emilio Bernárdez, na primeira unión homosexual de Galicia en inscribirse no Rexistro de Parellas de Feito. 

En 2006, un ano despois de que o Goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero aprobara o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, fixo historia na cidade de Pontevedra ao casarse co seu compañeiro. Aquela voda, a primeira deste tipo na capital provincial, oficiouna o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. 

Verísimo Pazos era, ademais, fillo dun histórico líder do movemento veciñal pontevedrés co que compartía nome: Verísimo Pazos.