Falece aos 88 anos Manuel Fernández Arruty

Médico de profesión, era o fillo pequeno de Josefina Arruti e Bibiano Fernández Osorio-Tafall ▶ Durante a Guerra Civil e sendo aínda un bebé, sufriu arresto domiciliario, xunto á súa nai, por parte dos golpistas 
O escritor Xosé Monteagudo entre Manuel e Carmen Fernández Arruti na presentación de 'Vémonos mañá'. XOSÉ MONTEAGUDO
photo_camera O escritor Xosé Monteagudo entre Manuel e Carmen Fernández Arruti na presentación de 'Vémonos mañá'. XOSÉ MONTEAGUDO

Manuel Fernández Arruty, médico de profesión e fillo pequeno de Josefina Arruti e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, faleceu o pasado domingo 28 de maio en Pontevedra aos 88 anos de idade. Pai de sete fillos, o seu funeral tivo lugar este martes na Basílica de Santa María. A súa historia e a da súa familia, novelada polo escritor Xosé Monteagudo recentemente no libro Vémonos mañá (Xerais, 2023), forma parte da memoria de Pontevedra.

Irmán de José Ángel (tamén falecido) e Mari Carmen Fernández Arruti, dúas personas moi coñecidas e queridas na capital da provincia, traballou durante toda a súa vida como médico internista no Hospital Provincial e no Hospital Domínguez de Pontevedra. Tamén tiña unha forte vinculación con Campo Lameiro, de onde era orixinaria a súa muller, María Teresa Ferro Doval

"Ayudó a muchísima gente", lembra o seu sobriño Quique Fernández-Arruti. "Primero atendiendo en casa y luego en los hospitales. Era una persona muy querida".

Josefina Arruti cos seus tres fillos (Manuel no colo) nos primeiros días de xullo de 1936 no Parque das Palmeiras.       A MEMORIA DAS MULLERES | CONCELLO DE PONTEVEDRA
Josefina Arruti cos seus tres fillos (Manuel no colo) nos primeiros días de xullo de 1936 no Parque das Palmeiras. A MEMORIA DAS MULLERES | CONCELLO DE PONTEVEDRA

A xornalista especializada en memoria histórica Montse Fajardo destaca que, ao igual que os seus dous irmáns, Manuel era memoria viva de Pontevedra. De feito, unha das súas últimas aparicións públicas foi o pasado febreiro para asistir á presentación de Vémonos mañá, xunto a gran parte da súa familia, no Pazo da Deputación Provincial. A obra novela a vida dos seus pais.

O relato é coñecido e nel, Manuel, sen querer, xoga un papel destacado. Josefina Arruti Viaño era a muller de Bibiano Fernández Osorio-Tafall cando, tras as eleccións de febreiro de 1936, el  é nomeado Subsecretario de Gobernación e ten que trasladarse a Madrid. "Josefina marcha con el acompañada polos seus dous fillos maiores, José Ángel [6 anos] e Carmen [4], pero Manuel, que ten moi pouco tempo de vida [algo máis dun ano], queda a vivir coa súa avoa en Pontevedra", lembra Montse Fajardo. "Parece que é a propia sogra de Josefina a que insiste para que sexa así, porque cre que o neno é moi pequeno para viaxar".

Xa no verán, o cativiño enferma e Josefina Arruti decide adiantar o regreso a Pontevedra. Son os primeiros días de xullo de 1936. "Esa volta precipitada da nai para atender ao neno que se pon maliño é un momento clave na separación desta familia que despois xa nunca máis se volverá reunir". 

Quique Fernández-Arruti: "Ayudó a muchísima gente. Primero atendiendo en casa y luego en los hospitales. Era una persona muy querida"

Osorio-Tafall non regresa coa familia porque xusto neses días ten que recibir á delegación galega (con Castelao á fronte) que entregará nas Cortes o Estatuto de Autonomía recén refrendado. En canto o trámite se realice, planea reunirse coa familia e pasar as vacacións en Pontevedra. Pero o 18 de xullo prodúcese o golpe de estado e xa non pode marchar de Madrid, onde permanece protexido pola República. 

"Así foi que ficaron separados para sempre", lembra Fajardo. "Cando os golpistas dominan Pontevedra, que foi axiña, manteñen presa a Josefina 18 meses no cárcere da Audiencia. Despois, decretarán arresto domiciliario para ela e os seus nenos. Así que Manuel foi probablemente a persoa máis nova que sufriu arresto domiciliario en Pontevedra: só era un bebé".

Montse Fajardo:  "Manuel foi probablemente a persoa máis nova que sufriu arresto domiciliario en Pontevedra: só era un bebé"

Fernández Osorio-Tafall intentará en dúas ocasión xuntar á familia, pero non o consegue. Acabará facendo a súa vida lonxe e finalmente casando con outra muller. Só volverá a Galicia xa na democracia, pero nunca se reunirá con Josefina Arruti. 

Ela, tras o cárcere e o arresto domiciliario, conseguiu sacar adiante á familia, con grandes apuros económicos e soportando insultos  e humillacións públicas pola rúa. Pese a todo, non dubidou en mostrar a súa solidariedade con outras familias en situacións aínda máis precarias e abriu o panteón familiar a moitos represaliados.