Falece Dan Graham, escultor da 'Pirámide' do parque da Illa da Esculturas

A peza do norteamericano, falecido a punto de cumplir os 80 anos, realizouse orixinalmente para a Bienal de Arte de 1988
Dan Graham. DP
photo_camera Dan Graham. DP

Dan Graham, un dos creadores máis relevantes da arte conceptual do último século, vén de falecer (o sábado 19 de febreiro) en Nova York. Era o autor dunha das pezas que compoñen a Illa das Esculturas, a Pirámide.

"Esa peza é a única que non se fixo especificamente para a Illa", lembra o comisario do proxecto artístico, Antón Castro. "El fixéraa para a Bienal de Arte que se celebrou en 1988". Rematada a exposición, a Pirámide, realizada na Escola de Canteiros de Poio con granito rosa do Porriño, acabou precisamente no Concello do Porriño. Foi Antón Castro, de acordo co artista, o que a recuperou para integrala na Illa das Esculturas no ano 1999.

"Na súa concepción orixinal, a Pirámide tiña que estar nun lugar onde se percibise o reflexo do seu dobre. Por iso Graham non acabou de estar satisfeito coa exposición que se fixera da peza, ata que a trasladamos aí, a carón do río. Hoxe, despois dos recheos e demais, está a varios metros da beira, pero orixinalmente estaba preto da auga e a imaxe reflectíase nela como el quería".

'Pirámide', de Dan Graham, na Illa das Esculturas de Pontevedra. DAVID FREIRE
'Pirámide', de Dan Graham, na Illa das Esculturas de Pontevedra. DAVID FREIRE

O propio Graham puido contemplalo de primeira man, despois dunha viaxe a Santiago de Compostela, que aproveitou para visitar a Illa de Pontevedra e ver onde quedara colocada finalmente a súa peza. "Quedou encantado con esta localización".

O valor da Pirámide de Pontevedra é particular no conxunto da obra do artista norteamericano. Sináloo o propio Antón Castro cando recorda que el traballaba habitualmente con materiais trasparentes, "de cristal e semellantes", e esta da Illa foi a súa primeira obra realizada en pedra, "que puliu ata conseguir ese efecto de refracción da luz que tanto lle interesaba".

No volume que publicou a Deputación sobre a Illa das Esculturas en 2003, así se sinalaba. "Era la primera vez que el artista norteamericano afrontaba un reto de estas características con un material tan opuesto a sus maquetas arquitectónicas".

Illinois. Nacido o 31 de marzo de 1942 en Illinois (Estados Unidos), pero criado en Nova Jersey, Dan Graham desenvolveu practicamente toda a súa traxectoria na cidade de Nova York. Autodidacta, traballou a fotografía, o deseño, a escritura, o videoarte e exerceu como comisario de exposicións, galerista e crítico, ademais de ser un dos referentes internacionais da arte conceptual. Acadou sona a finais dos 70 coa construción de pezas de cristal e espello, a medio camiño entre a escultura e a arquitectura, en espazos públicos.

Nas últimas décadas foi obxecto de retrospectivas no Metropolitan de Nova York, no Red Brick Art Museum de Pekín (China), na Fundación Tàpies de Barcelona e, en Galicia, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), entre outros espazos.

En España: pezas no CGAG e no Reina Sofía
Ademais da peza de Pontevedra, Dan Graham ten outra en Galicia. Trátase da pirámide de espellos Triangular Pavilion, que está na terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela. O artista norteamericano tamén é o autor de ‘Dhaka Pavilion’, unha instalación transparente que está no xardín Sabatini do Museo Reina Sofía de Madrid.