Falemos do orgullo LGTBI

Pontevedra prepárase para celebrar o 28 de xuño con catro faladoiros sobre diversidade sexual e co ciclo de proxeccións gratuítas do Flop Cinema

Olalla Márquez, Suso Novás, Carme Fouces e María Ruiz (de eqda. a drta.), na presentación da programación do Flop Cinema. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Olalla Márquez, Suso Novás, Carme Fouces e María Ruiz (de eqda. a drta.), na presentación da programación do Flop Cinema. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un encontro co escritor Antón Lopo na Libraría Paz (20.30 horas, de balde) abre este mércores a programación que o Concello de Pontevedra desenvolverá de xeito previo á celebración do Día do Orgullo Lésbico, Gay, Bisexual, Transexual, Intersexual e Queer (LGTBIQ+), o 28 de xuño, e que incluirá unha serie de faladoiros dentro do programa Pinto e Maragota e un ciclo de proxeccións, o Flop Cinema, que se levará a cabo en colaboración co Cineclub Pontevedra, o festival Novos Cinemas, o Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) Bueu e o colectivo Avante.

Todos os faladoiros, con entrada libre, terán lugar na Casa da Luz ás 20.30 horas

Pinto e Maragota, "un programa municipal estable sobre diversidade sexual, que se prolonga ao longo de todo o ano", segundo lembrou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, refórzase no mes de xuño con catro coloquios arredor de distintas cuestións que afectan á sexualidade. O primeiro deles, o 6 de xuño, tratará as problemáticas que teñen que ver coa diversidade na infancia, incluída a transexualidade. Fará distintas achegas sobre o tema a pediatra Inés del Río.

Unha semana despois terá lugar o encontro Diversidade sexual e discapacidade intelectual, a cargo do Equipo DES, un grupo LGTBI de persoas con diversidade cognitiva. O 20 de xuño será a vez para a análise do tratamento que os medios de comunicación fan da diversidade sexual. Participarán xornalistas de medios locais e outros de medios galegos como a sexóloga e psicóloga Martina González Veiga, que colabora coa Radio Galega. O ciclo de charlas rematará o 27 de xuño con representantes dos diversos grupos parlamentarios galegos analizando as distintas propostas políticas cara a igualdade.

Todos os faladoiros, con entrada libre, terán lugar na Casa da Luz ás 20.30 horas.

Polo que se refire ao Flop Cinema, serán cinco as sesións que conforman o ciclo este ano. A primeira delas, o 28 de maio, correrá a cargo do Cineclub Pontevedra. A película elixida é Un ano con trece lúas, de Rainer Werner Fassbinder. "É un título do ano 1978 no que Fassbinder fai un seguemento dunha muller tansexual", explicou Olalla Márquez, que comentou que o cineclub escolleu unha película dentro do que sería a historia do cinema, "o noso ámbito". Ao día seguinte, verase a proposta do festival Novos Cinemas. Trátase de Puta y amada, de Mar Ferrer, do ano pasado. "Axústase aos criterios que rexen o festival: talento, risco formal e escaso orzamento", contou Suso Novás. "É tamén un film moi colorista e divertido". A selección de curtametraxes que se verá o xoves 30 de maio correrá a cargo do FIC Bueu. "Son todas recentes e xa se proxectaron no festival", contou María Ruiz. Finalmente, o día 31, Pinto e Maragota proxectará Carmen y Lola e, o 1 de xuño, Avante, 120 pulsacións por minuto.

Comentarios