A falta de quorum impide tratar a funcionarización do persoal laboral do Concello

O Concello de Pontevedra dispón de 17 postos de persoal laboral fixo e 21 de persoal indefinido. O propósito deste proceso é convertelos en funcionarios
Mesa xeral de negociacion do Concello. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Mesa xeral de negociacion do Concello. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

A falta de quorum impediu este luns que o Concello reunise a Mesa Xeral de Negociación no Teatro Principal na que se ía tratar o proceso de recalificación ou funcionarización das prazas do persoal laboral fixo e indefinido. Esta é a mesa número 18 sen asistencia dos representantes sindicais.

A concelleira de persoal, Carmen Fouces, explicou que soamente asistiu o sindicato CIG que, de xeito informal, puxo sobre a mesa algunhas suxestións para o proceso e que presentará en Rexistro Municipal nos vindeiros dous días. Ao mesmo tempo, o departamento de Persoal deu por recibido un escrito de UGT que tamén facía apreciacións para este proceso.

Fouces indicou que volverá a convocar unha nova Mesa despois de Semana Santa, "e agardo que desta vez sexa unha data acaída para que poidan vir todos os sindicatos", dixo. 

ANTES DO 31 DE MAIO. Para aquela estarán redactados os informes necesarios para a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) "porque a recalificación das prazas ten que estar realizada antes do 31 de maio" segundo recolle a lei.

O Concello de Pontevedra dispón de 17 postos de persoal laboral fixo e 21 de persoal indefinido. O propósito deste proceso é convertelos en funcionarios para dar estabilidade a este persoal que, en moitos casos, vén realizando as súas funcións dende hai anos.

Comentarios