A familia Bóveda atopa 22 poemas inéditos de Amalia Álvarez Gallego

Os textos da viúva do galeguista fusilado en 1936 estaban agochados entre o seu legado persoal. Os herdeiros valoran a posibilidade de reunilos nunha pequena publicación unha vez analizados e clasificados
Algúns dos poemas atopados pola familia cun deles manuscrito en primeiro termo
photo_camera Algúns dos poemas atopados pola familia cun deles manuscrito en primeiro termo

"Y así en la lejanía/ te veo ausente,/ pero no estás por eso/ lejos de mí,/ que tu imagen mi alma/ tiene presente/ y ya no sé si vivo/ o vives tú en mí". Son versos de Amalia Álvarez Gallego (Lugo, 1906 - Pontevedra, 2001), a viúva do galeguista fusilado en 1936 Alexandre Bóveda. A familia descubríu o ano pasado, entre o material pendente de clasificar do seu arquivo persoal, sete poemas inéditos. Un deles, o que contén os versos citados, foi elixido para ser lido no acto de inauguración do Parque Amalia Álvarez o pasado 10 de febreiro, unha decisión, a de bautizar co nome da matriarca dos Bóveda o novo parque da Eiriña, aprobada por unanimidade nun pleno municipal. Encargouse de darlle lectura ao poema a concelleira Pilar Comesaña.

A semana pasada, Amalia Bóveda, a única filla viva de Alexandre e Amalia, a nena da que ela estaba embarazada cando el foi fusilado, atopou máis poesías da súa nai: un total de 22. Agora, os descendentes valoran realizar unha publicación con todo ese material, unha vez analizado e clasificalo, a modo de homenaxe. "Non foi unha gran sorpresa descubrir que a miña avoa escribía. Que a poesía estaba nela sabiámolo todos", explica Valentín García Bóveda, neto de Amalia Álvarez e vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda. "Tiña unha evidente sensibilidade cultural. Criouse nunha familia onde todos escribían e seguen escribindo, dende seu avó [Emilio Álvarez Giménez] e seu pai [Gerardo Álvarez Limeses] ata os descendentes que lles seguiron como os Álvarez Blázquez e os Álvarez Cáccamo xa na actualidade. O que non coñeciamos eran os poemas, non sabiamos que se conservaban".

"Por iso morro de soedades e non dou fala/ cando me levan da túa veira, ¡miña Galiza!", escribe a viuva de Bóveda no poema Galiza

Destes textos que se veñen de atopar, só dous están en galego e só un manuscrito, aínda que moitos contan con correccións, adicatorias ou apuntes a man. Maioritariamente están escritos en castelán e mecanografados. Mesturan unha temática sentimental e amorosa ("Si también fue producto/ de mi mente embrujada/ el calor de tu cuerpo/ al estrechar el mío./¿Por qué, entonces, pregunto/ no es también fantasía/ del alma abandonada/ el angustioso frío?") con outra de puro divertimento como pode ser a escrita duns versos para despedir a alguén que marcha ("Mª del Carmen se va/ el alma lleva impregnada/ de nacientes ambiciones/ y su juvenil quimera/ teje que teje pasiones") ou simplemente celebrar a amizade ("Quen vai come’las perdices,/ os lacóns, as lampreadas,/ as centolas, os chourizos/ e demais lamberetadas?".

Tamén existen poemas de carácter relixioso, con referencias cristiás ("¿Qué pecho no se conmueve/ al ver tu Bondad, Dios Santo,/ que en su caridad sublime, al hombre da tanto y tanto?") e outros adicados a lugares especiais para a autora como Cádiz, onde estivo destinada como funcionaria de Facenda, ou Portugal, "un país polo que tiña debilidade", di Valentín García-Bóveda. E, sobre todos, Galicia.

No conxunto de textos descubertos, o máis longo é un de prosa poética adicado a enumerar a beleza da paisaxe e outras cuestións de carácter costumista ("...y se cansarán sus oídos en el esfuerzo de percibir las notas melancólicas y tiernas de miles de pajariños que no cantan en parte alguna como cantan en nuestra querida tierra"). Titúlase Canto a Galicia. Neste sentido, máis concreto é o poema Galiza: "Galiza, meiga dos meus amores/ ti tes beleza nos teus coores,/ tes o meigallo nas baixas rías,/ nos verdes prados tes alegrías (...) Por iso vivo cando estou preto de tanta gala/ e bailo e souto con gran ledicia;/ por iso morro de soedades e non dou fala/ cando me levan da túa veira. ¡Miña Galiza!".

asinados. Moitos dos escritos que veñen de atoparse están asinados pola autora. Emprega para facelo dende o seu nome cos dous apelidos ata as iniciais A.A.G., con distintas variacións. Algúns tamén aparecen datados: os máis antigos en 1942 en Cádiz e Pontevedra; o máis recente na praia de Francelos, Portugal, en 1969.

"O que eu me arriscaría a dicir é que estes poemas eran para permanecer no ámbito privado", sinala Valentín García-Bóveda. De feito, a depositaria do legado persoal de Amalia, a súa filla Dolores, ocupouse durante moito tempo de coidar fielmente cartas persoais e outros materiais da súa nai.

"A miña tía Loli protexía todo aquilo da intromisión exterior e defendía que formaba parte da intimidade familiar". Consideraba o legado de Amalia Álvarez privado e só máis tarde lle pasou á súa irmá parte dese material, por se puidera ter algún valor para a Fundación Bóveda. Entre el había exemplares vellos de prensa, exercicios, caderniños con apuntes e os poemas. "A miña tía tiña razón no de que a miña avoa non fixo isto para ter un alcance público. Á vista está, entre outras cousas, porque foron escritos en folliñas recicladas da contribución e cousas así. Escribíaos para ela".

Sen embargo, a figura simbólica de Amalia Álvarez, como conservadora da memoria e como supervivente do terror, dotan hoxe aos seus versos dunha transcendencia máis alá da familiar e confirman, efectivamente, que a poesía estaba nela.

Comentarios