A familia de Moldes aspira a crear unha fundación co nome do artista

A viúva e os fillos do pintor, que catalogan nestes momentos as obras que posuía, queren que a nova institución vele polo seu legado ▶ As distintas administracións públicas móstranse receptivas ao proxecto, aínda que consideran prematuro valorar a súa posible participación

Manuel Moldes no seu estudio en 2002. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Manuel Moldes no seu estudio en 2002. GONZALO GARCÍA (ADP)

A familia de Manuel Moldes (Pontevedra, 1949- 2017) quere poñer en marcha unha fundación co nome do pintor que, entre outras cousas, vele pola conservación do seu legado. Foi o creador e amigo de Moldes Guillermo Aymerich quen o fixo público, o mesmo día do enterro do artista, durante a homenaxe pública que se lle fixo no Teatro Principal. Aymerich reivindicou a creación da Fundación Manuel Moldes e pediulle ás institucións públicas que se involucraran. "No es que te la merezcas, Manolo, es que ganamos todos si se crea", dixo. Xunta de Galicia, Universidade de Vigo e Deputación Provincial móstranse receptivas a escoitar calquera proposta ao respecto.

A viúva de Moldes, May Díaz, confirma que a familia quere intentar poñer en marcha esa institución. "Pola nosa cabeza pasa iso", explica. "Esa é a nosa primeira intención: mirar que pasos temos que dar para crear a fundación". Segundo conta, tanto ela como os seus fillos están catalogando agora mesmo as obras que o creador posuía. "De xeito máis inmediato, traballamos co Museo para que se presente o catálogo da exposición do verán e co Concello para desenvolver ese proxecto que levará unha das súas obras a un espazo público. En canto as dúas cousas estean encamiñadas, queremos intentar crear esa fundación, para poder coidar da súa obra, para axudar a divulgala e para organizar actividades baixo o seu amparo".

May Díaz Viúva
"A nosa primeira intención é esta: mirar que pasos temos que dar para crear a fundación"

Anxo Lorenzo Secretario xeral de Cultura
"Todo o que sexa preservar a obra dun creador é interesante, pero é conveniente valorar os pros e os contras de cada fórmula"

Juan Manuel Corbacho Vicerreitor do Campus
"Dende a UVigo vemos con bos ollos o proxecto. Parécenos unha iniciativa loable e máis que xustificada"

Xosé Leal Deputado de Cultura
"Hai que ver que forma sería máis operativa. A Deputación está a disposición da familia"

RESPOSTA INSTITUCIONAL. Salvo o Concello de Pontevedra, que considera prematuro valorar a creación ou non dunha fundación e a súa participación nela, o resto das administracións públicas ven con bos ollos a iniciativa e ábrense a colaborar en calquera proxecto que vele polo legado de Moldes e manteña vivo o seu nome. De xeito semellante se manifesta o vicerreitor do Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo), Juan Manuel Corbacho. "A intención da familia é loable e paréceme unha iniciativa máis que xustificada. Dende a Universidade veriamos con bos ollos unha fundación co nome de Manuel Moldes", di Corbacho. "Aínda que podería considerarse precipitado opinar sobre a nosa participación nese proxecto, penso que non é arriscado dicir que estariamos encantados de involucrarnos e intentar colaborar todo o posible nalgo como iso".

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coñece de primeira man as intencións da familia porque xa o fixera partícipe delas May Díaz. Baixo o seu punto de vista, habería que valorar se unha fundación é a forma xurídica máis adecuada. "Evidentemente, todo o que teña que ver con preservar a memoria e a obra dun creador sempre é interesante. Pero o que hai que valorar son os pros e os contras dos diferentes tipos de formas que hai para armar este tipo de proxectos: unha fundación, unha asociación... Para min o fundamental é respectar ás familias e que sexan elas as que decidan que fórmula queren utilizar. Dende a Xunta vemos con bos ollos calquera destas iniciativas que permiten proxectar a obra dun creador máis alá do seu ciclo vital. Estamos dispostos a escoitar calquera proposta".

Opina igual o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. "A Deputación, dende o primeiro momento, púxose a disposición da familia para o que considerase oportuno", sinala. "O importante é ver que fórmula sería máis operativa neste caso. Nós estamos abertos a escoitar e colaborar no que poida xurdir".

Comentarios