A familia Paz, terceira de Pontevedra en unirse á querela arxentina contra os crimes franquistas

A adhesión produciuse publicamente, nunhas xornadas contra a impunidade da Deputación de Pontevedra, a primeira institución pública galega que apoia a causa xudicial ► As familias Bóveda e Caamaño xa confirmaran a súa involucración na denuncia
RAFA DEPUTACION (SALON DE PLENOS): acto institucional da Deputacion contra a impunidade, con Begona Caamano e Amalia Boveda
photo_camera Xornadas contra a impunidade organizadas pola Deputación de Pontevedra. RAFA FARIÑA

"Estamos aquí porque hai que estar. Polo noso avó e polo noso pai, que loitou toda a vida contra esta inxustiza", sinalou Anxo Paz trala sinatura da súa adhesión á querela arxentina contra os crimes franquistas. A familia Paz convertése desta maneira na terceira de Pontevedra, tras a de Alexandre Bóveda e a de Amancio Caamaño, que se une á causa que está a instruír, dende 2009, a xuíza María Servini no seu xulgado de Bos Aires.

Faino, de xeito público, como as outras dúas, no transcurso dunhas xornadas contra a impunidade organizadas pola Deputación de Pontevedra, a primeira institución pública galega que apoia a vía xudicial contra os delictos cometidos durante a ditadura. No seu caso, piden que se investigue o caso do impresor socialista Ramiro Paz, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936.

As xornadas, nas que participaron, entre outros, un dos impulsores da querela, Chato Galante, e o avogado que coordina a causa, Jacinto Lara, foron clausuradas este sábado ao mediodía cun acto público no que participaron distintos representantes das familias e onde realizaron ante a prensa e o público asistente a sinatura das denuncias.

As actividades comezaron o venres cunha xornada técnica con avogados pontevedreses e cunha xornada informativa dirixida ás familias de represaliados nas que se lles comentou a situación actual da querela arxentina e resolveron dúbidas sobre a súa situación legal. As xornadas da Deputación estaban organizadas en colaboración con Iniciativa Galega pola Memoria.

Comentarios