sábado. 11.07.2020 |
El tiempo
sábado. 11.07.2020
El tiempo

Familias sen fronteiras

Enguia coa súa familia de acollida e outros nenos saharauis nun acto en Santiago o ano pasado
Enguia coa súa familia de acollida e outros nenos saharauis nun acto en Santiago o ano pasado


Durante os meses de xullo e agosto, 325 nenos e nenas saharauis pasarán unhas ‘Vacacións en Paz’ en Galicia, dos cales máis de 70 permanecerán na provincia de Pontevedra

Este sábado despega un avión dende o aeroporto militar de Tinduf con 65 nenos e nenas a bordo que, despois de varias escalas e moitas horas de espera, chegarán a Madrid para, a continuación, desprazarse ata Galicia. Na madrugada do domingo, moitos deses cativos coñecerán ás familias que, de xeito desinteresado, acolleranos nas súas casas coma un membro máis. E, outros tantos, estaban desexando chegar para abrazar por fin a eses familiares galegos cos que conviven cada verán dende hai varios anos.

Veñen do Sáhara Occidental, pero non son os únicos. Na madrugada do sábado, e tamén o pasado venres, outros dous avións aterraron en Madrid e o domingo e o martes chegarán os derradeiros. Así, ata sumar un total de 325 nenos e nenas que pasarán o verán en Galicia, entre os cales máis de 70 quedarán na provincia de Pontevedra, sendo Vigo a cidade que acolla a inmensa maioría deles.

Na Boa Vila pasarán un Verán en Paz coa axuda que lles facilita a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps). Durante os meses de xullo e agosto farán revisións médicas e vivirán mil e unha experiencias totalmente novas para eles, como ir á praia ou montar nas atraccións da festa da Peregrina. Aínda que, para moitos, esta non será a primeira vez. Pois, dende hai algúns anos, teñen o corazón dividido entre o Sáhara e Pontevedra. É o caso de Enguia, unha pequena que, dende o ano pasado, ten un novo irmán pontevedrés chamado Pablo, co que poderá xogar cada verán durante, polo menos, os próximos tres anos. Tamén é o caso de Salama e o de Manana, e o de moitos máis que, coa forza do agarimo, foron capaces de unir un campamento no Sáhara Occidental con algún lugar de Pontevedra. Neses dous sitios, agárdanos dúas familias que os queren con loucura, dúas familias para as que non semellan existir as fronteiras.

Son nenos espertos, doces e con moitas ganas de aprender. Coma calquera neno, ao fin e ao cabo. Sen embargo, a súa non é unha realidade calquera. É unha realidade sen fogar, sen territorio propio. Unha inxustiza que, cada día, quizais sen sabelo, derruban un pouco máis a golpe de sorrisos.

"As dúas familias comunicámonos con frecuencia, somos coma unha irmandade"

Giovanna Miñán e enguia o pasado verán.Para Giovanna Miñán, Enguia é "a miña nena". Este verán a pequena cumpre 12 anos e está moi ilusionada por poder celebralo cos seus amigos galegos. "Estaba desexando chegar a Pontevedra, porque esperamos celebrar o seu aniversario cos amiguiños que ten aquí", comenta Giovanna. Esta pontevedresa leva dous anos participando no programa Vacacións en Paz e asegura que esta foi unha decisión moi meditada. "Era unha idea que me levaba rondando pola cabeza varios anos e, nese momento, pareceume que as circunstancias eran propicias. Eu non estaba traballando, tiña un cativo e parecíame unha experiencia moi bonita para el. Tiñamos casa propia e estabamos máis cerca da familia, entón botámonos de cabeza", asegura.

Este verán Enguia convive con Giovanna, a súa parella, o seu fillo Pablo e coa que xa é unha avoa máis para ela. Ademais, tamén está arroupada polo resto da familia. "Ten unha relación moi boa con todos. A min chámame ‘mamá’ e aos avós do meu pequeno tamén lles chama avós", conta. "O meu fillo ten agora tres anos e medio e para ela é o seu irmán. Cando están na ludoteca de verán e os pequenos pelexan entre eles, ela sempre defende a Pablo e está moi pendente de que ninguén lle faga nada. É moi protectora con el", asegura.

"Enguia goza moito coas pequenas cousas e coa compañía. O que máis lle gusta é ir á praia"


Pero, ante todo, Enguia é unha nena moi especial para a súa familia pontevedresa, coa que non perdeu o contacto dende que marchou o verán pasado ata onte, que chegou a Pontevedra. "É imposible non querela", confesa Giovanna.

"O meu fillo sempre me preguntaba por ela, e ela igual. Durante todos estes meses falabamos cada dous ou tres días por teléfono e sempre preguntaba por el. Temos un vínculo incrible", conta. Pero isto é algo que ocorre con toda a familia. "O pai de Enguia, os seus tíos e mesmo os primos falan coa miña nai e comigo de cando en vez. É como unha irmandade entre familias", afirma.

E, inevitablemente, do mesmo xeito que a familia pontevedresa da pequena lle abriu as portas a ela, ocorreu o mesmo no Sáhara. "Aínda que eu non puiden ir á viaxe que organiza Sogaps porque o meu fillo era moi pequeno, a miña nai e uns amigos seus si que foron ver a nena e a súa familia ao campamento", conta Giovanna. Fala de Bojador, unha cidade da costa norte do Sáhara Occidental, onde se levanta o campamento no que Enguia vive cos seus familiares. Toda unha experiencia que so valeu para estreitar os lazos entre ambas familias, uns lazos que hoxe son máis fortes ca nunca, xa que están unidos por un agarimo que traspasa fronteiras.

PRIMEIRO CONTACTO.  Giovanna suspira ao lembrar a primeira vez que viu a Enguia. "O primeiro contacto foi un domingo ás tres e pico da mañá. Fun a buscala a Vigo e a verdade é que eu estaba aterrada", lembra. "Trouxera a outra nena ese mesmo ano e a experiencia non fora boa, porque penso que a pequena non quería vir no verán e, de feito, quixo volver ao Sáhara. Entón eu tiña moito medo de que nos pasara o mesmo porque, ao final, non deixan de ser nenos", di. Pero os seus temores pronto amainaron. "Cando a recollín traía unha cara de cansazo bestial, pero en canto me viu botou un sorriso e xa nos demos un bico", conta.

"Valoramos acollernos ao Programa Madrasa para que poida vir estudar aquí"


Este venres Enguia estaba moi contenta de volver pasar o verán, por segundo ano, coa súa familia pontevedresa. Durante estes dous meses, non parará de facer as súas actividades favoritas en Galicia. "É unha nena super cariñosa e moi feliz. Goza moito coas pequenas cousas e coa compañía. Encántalle xogar con nós e co meu fillo Pablo, e tamén é moi inqueda e ten moitas ganas de aprender. De feito, cando marchou xa se comunicaba en español perfectamente e mesmo aprendeu palabras en galego", conta Giovanna. Por iso, o que máis lle gusta facer á pequena cando está en Pontevedra é ir á praia e comer xeados. "Goza moitísimo coa auga e, por iso, cando está aquí, imos todas as tardes á praia", explica.

Enguia adaptouse tan ben ao entorno galego que a súa familia pontevedresa non valora outra opción que non sexa repetir no programa Vacacións en Paz ano tras ano. "Penso que ela estaba moi concienciada de que viña a aquí a aprender e gozar con cousas que no campamento son impensables, como ir á praia ou á festa da Peregrina. Sabía que isto era unha aventura de verán e que logo volvía coa súa familia polo que, no seu caso, levouno moi ben porque todo foron novas experiencias. É unha nena incrible", conta.

Polo momento, a Enguia aínda lle quedan polo menos tres anos de verán galego. "Por suposto que repetiremos ata que ela remate co programa, e despois xa non o sei. Valoramos a opción de acollernos ao Programa Madrasa, co que os nenos poden estudar en España. É difícil que poidan vir, pero é unha posibilidade que está aí e habería que valoralo entre as familias pero, dende logo, se ela quere vir e pode, pola nosa parte toda a disposición do mundo", asegura.

"El primer año Salama era un niño asustado y ahora hay que mandarlo callar"

Paula Viñas con Salama no SáharaEste é o quinto verán que Salama pasa en Galicia. Pero tamén é o seu último ano. Xa cumpriu os 14 e, para el, remata o programa Vacacións en Paz. "Prefiero no pensarlo, no quiero ni imaginarme cuando llegue el día. Que sea lo que tenga que ser, y nada más", di Paula Viñas. Ela é coma unha irmá para Salama, aínda que, segundo explica, o ano pasado comezou a chamarlle mamá.

Paula é a encargada de gran parte do coidado do neno durante os veráns que pasa en Vilanova de Arousa. Sen embargo, a idea foi da súa nai. "Ella vio un anuncio en el periódico, fue a una reunión y decidió participar en el programa", conta. "Pero como trabaja por turnos, me ocupo yo del niño, aunque todos colaboramos", engade. Na casa de Paula, Salama pásao en grande. Como ela ten unha irmá pequena e outro irmán da mesma idade do neno, todos xuntos forman unha gran familia na que Salama é un máis, pois coñecen ao neno desde que tiña tan só oito anos. "El primer año fuimos a recogerlo a Padrón. Era un niño que no hablaba, super tímido y asustado. Yo ese día la verdad es que me asusté un poco de como venía, pero al día siguiente cambió totalmente. Se bañó, comió, durmió y hasta le cambió la cara", lembra.

Hoxe Salama xa non é aquel neno asustado. "No es el niño de antes. Ahora habla y hasta hay que mandarlo callar y decirle que se esté quieto. Es todo lo contrario al niño que llegó aquí el primer día", asegura. 

"Voy a visitarlo al campamento cada diciembre y convivo con él y con sus familiares"


En todos estes veráns galegos, Salama xa leva feitas unha chea de actividades. Durante dous anos probou a experiencia dos campamentos de verán xunto co seu irmán pontevedrés, do que é inseparable. Pero, sen dúbida, o que máis lle gusta é ir á praia, á piscina e, sobre todo, andar en bicicleta."Se adaptó perfectamente a nosotros, porque en el Sáhara él vive con unos tíos muy mayores y a sus padres solo los ve 15 días al año en el mes de junio", conta Paula. Esta situación débese a que no lugar onde viven os seus pais, Salama non pode ir ao colexio. Por iso, tivo que mudarse ao campamento de Smara, que se atopa no noroeste do Sáhara Occidental, sendo o único dos seus seis irmáns que asiste á escola.

CONECTADOS. A alianza familiar entre Vilanova de Arousa e o campamento de Smara é tan grande que Salama nunca pasa máis de seis meses sen ver á súa familia pontevedresa. "Yo voy a visitarlo al campamento todos los meses de diciembre", conta Paula. "Desde el primer año que vino, él se va en septiembre y luego yo voy a pasar allí una semana en diciembre. Cuando se va siempre le digo que esté tranquilo, porque en tres meses ya estoy yo allí y, cuando me voy, sabemos que en seis meses ya nos visita él", explica. Deste xeito, a situación é máis levadeira, tanto para o neno como para as súas dúas familias, xa que no Sáhara sempre reciben cos brazos abertos aos pontevedreses. "Cuando estamos allí convivimos con su familia en la jaima", asegura Paula, quen tamén é consciente da realidade do seu irmán saharaui. "Allí no tiene las mismas atenciones que puede tener aquí. El diciembre pasado, cuando yo estuve allí, el niño tenía un dolor muy grande de barriga pero no lo pueden llevar al médico porque hay que pagarlo. Le dan algún remedio, pero no puede ir a un hospital, entonces lo llevé yo", lembra. Por iso, asegura, é tan importante o verán que os nenos pasan fóra do Sáhara. "Básicamente vienen a eso, a una revisión médica para asegurarse de que todo esté bien y para poder tener una buena alimentación durante un tiempo, porque todo influye. Dicen que a un niño que viene aquí durante dos meses le estás incrementando dos años de vida", conta.

Sen embargo, aínda que este sexa o último verán da súa infancia que Salama pasa en Vilanova de Arousa, hai unha cousa que nunca perderá: o amor incondicional e a axuda da súa familia pontevedresa, que sempre estará aí para el, coma unha ponte tendida entre dous territorios moi diferentes, pero tan semellantes ao mesmo tempo.

Familias sen fronteiras
Comentarios