A Fanpa e a Xunta seguen sen acordo para a apertura dos comedores escolares

Tras unha reunión celebrada na mañá de onte, planean outro encontro antes do inicio do curso
2020080612335862932
photo_camera Comedor escolar no curso pasado.JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Non hai acordo para abrir os comedores escolares de Pontevedra no próximo curso. Representantes da Federación de Anpas de Pontevedra (Fanpa) reuníronse onte co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, para aclarar algunhas das cuestións que afectan ao funcionamento dos 23 comedores que ten activos na cidade.

O desacordo radica en varios puntos. Por un lado, na imposibilidade de seguir ofrecendo o servizo a todo o alumnado que viña facendo uso del ata o de agora pola aplicación das medidas anticovid. "Só poderiamos atender a unha quinta ou sexta parte do alumnado que tiñamos ata agora", explica o presidente da Fanpa, que asegura que non quere deixar a ninguén fóra.

Por outra banda, a Fanpa esixe axuda por parte da Xunta para afrontar os sobrecustos do servizo nas novas condicións e aclarar algúns dos puntos do protocolo elaborado pola Xunta. Neste último aspecto se centrou a reunión de onte, segundo o presidente da Fanpa.

Segundo a Xunta, na xuntanza acordouse que a federación abrirá o vindeiro 10 de agosto o prazo para a inscrición nos comedores escolares para, unha vez coñecidos os comensais que usarán o servizo o vindeiro curso, realizar unha nova xuntanza na que analizar as necesidades reais e as respostas que garantan a prestación do servizo con seguridade.

A nova xuntanza, prevista para finais de agosto ou comezos de setembro, servirá tamén para clarificar todas as dúbidas que poidan ter as anpas na aplicación do protocolo para a adaptación dos centros de ensino non universitario á situación derivada da Covid-19, elaborado polas consellerías de Educación e de Sanidade.

Segundo sinala a Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra, o seu responsable percorreu nos últimos días os centros de ensino para coñecer as posibilidades de organización dos comedores escolares en cada caso. Neste sentido, quere agradecer a "total colaboración dos equipos directivos dos centros para garantir a continuidade na prestación deste servizo educativo complementario, fundamental para as familias".

Medición de espazos e recollida de solicitudes
Aínda que a día de hoxe non haxa acordo para a apertura dos comedores escolares, a Fanpa realizará nas próximas semanas medicións dos espazos cos que conta para acoller os comedores. Deste xeito, trata de especificar cantas prazas poderá ofrecer e cal sería o custo aproximado do servizo.

"Imos facer un estudo centro por centro", explicaba onte Roxelio Carballo, presidente da Fanpa. 

No mesmo sentido, valórase a cesión de espazos para poder acoller a máis alumnado cumprindo coas medidas de seguridade. 

Outros detalles pendentes de aclarar consisten na creación dos denominados grupos burbulla e como mantelos tamén no horario do comedor, así como de cuestións concretas en canto ás distancias de seguridade. Así, os técnicos da Xunta aclararán na seguinte reunión, pouco antes do inicio do curso, estes detalles do protocolo.

Comentarios