Faul: punk políglota e sucio

O trío pontevedrés, que se deu a coñecer cunha versión de Un violador en tu camino, lanza este luns o seu segundo single, Tapete, composto sobre unha canción infantil alemá
Laura García, Corinna Rautenberg e Violeta Mosquera (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE
photo_camera Laura García, Corinna Rautenberg e Violeta Mosquera (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE

Faul declárase punkarra e feminista. "O principal para nós e facer o macarra", di Laura García (batería). "Eu persoalmente recoñezo que non me gusta demasiado esa etiqueta de grupo de chicas. Somos un grupo e punto. Facemos música á altura de calquera. Se somos feministas é porque cada unha de nós o é". Violeta Mosquera (baixo e voz) puntualiza: "A min si que me gustaría que nos consideraran unha banda feminista. Considero que ser feminista é unha obriga moral neste momento". Tamén se declaran un grupo de escenario. "Estamos desexando que todo isto pase para poder volver facer o indio por aí. Temos moitísimas ganas de tocar, máis que calquera outra cousa".

A terceira compoñente do trío punk de Pontevedra é a alemá Corinna Rautenberg (guitarra e voz). Ela está detrás do que será o segundo single da banda, Tapete, que se publica este luns na súa canle de Youtube (whydontyoufaul), o mesmo espazo no que se deron a coñecer hai un ano, cando compartiron a súa versión do himno contra a violencia machista Un violador en tu camino, do colectivo feminista chileno LasTesis, cun vídeo no que aparecen os nomes das mulleres asasinadas en España dende 2013.

"En Tapete usamos la letra de una canción infantil alemana tradicional. La idea surgió un día de casualidad, experimentando. Y quedó fenomenal", di Rautenberg. Faul ofrece unha relectura salvaxe do tema. "Hasta el punto de que mis amigos alemanes no lo reconocen". A canción complétase cun videoclip realizado por Violeta Mosquera no que se enlazan imaxes de vídeos virais. "Encántanme os vídeos rusos tolos. Tamén os dos animais: de cans, de gatos... A primeira idea foi mesturalos todos. Finalmente collín vídeos virais que todo o mundo coñece e fixémoslle unha especie de oda a internet".

Ser feminista é unha obriga moral neste momento»

A banda naceu a partir das ganas de tres amigas que querían facer punk sen pretensións. "Descubrimos que tiñamos en común o amor polo punk, polo punk máis sucio. Así que comezamos a facer o parvo. Pero o que saía resultou que nos molaba mogollón. E empezaron a saírnos bolos", lembra Mosquera. "Bolos muy fuertes, con mucha gente, sin haber sacado todavía nada. Fue un comienzo increíble", engade Rautenberg. "Ata que chegou a pandemia e o freazo total".

Este proxecto tiña ademais o aliciente de que lles permitía probar cousas novas. "Foi un reto para as tres. Corinna xa tocaba a guitarra, pero nunca tivera un proxecto musical", explica Laura García. "E nós, que si que tiñamos outras bandas, nunca cos instrumentos que tocamos aquí". Ela e Mosquera intercambian en Faul os roles que teñen noutro grupo, Moloch. García púxose á batería. E Mosquera ao baixo. "Eu o que quería era poder correr polo escenario".

Faul quere ir sacando os seus temas un a un ata compoñer o que sería a súa primeira maqueta, na que haberá temas en distintos idiomas: inglés, castelán, alemán... "Queremos ser unha banda poliglota. Fainos moita graza que non se saiba en que cantamos". 

Comentarios