Con caraveis ao pé do monumento que lembra aos dez homes fusilados o 12 de novembro de 1936 no kilómetro un da estrada de Campañó foi que rematou este domingo, en Pontevedra, o acto que os lembra e reivindica a memoria democrática. "Por favor, non esquezamos xamais. Eu non o farei", pediu Mariña Paz no nome das familias. A homenaxe, que se realiza cada ano, tivo desta vez unha especial significación ao coincidir coas concentracións do Partido Popular que tiñan lugar á mesma hora.
Tanto a cantante e compositora Mariña Paz, que actualmente estuda Comunicación Audiovisual en Santiago, como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembraron os nomes dos asasinados: os médicos Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez e Luis Poza; os mestres Paulo Novás, Germán Adrio e Benigno Rey; o editor Ramiro Paz; o avogado José Adrio; o xornalista Víctor Casas e o capitán Juan Rico.
Mariña Paz: "Sinto responsabilidade. A miña xeración está a defraudar bastante coa súa ignorancia e falta de conciencia política"
"Desde sempre, a miña familia insistiu en explicarme que o meu bisavó non morrera, senón que fora asasinado», dixo Mariña Paz, que quixo poñer o foco na falta de conciencia social e compromiso democrático que percibe en moita xente nova. «Cada ano, cando veño aquí a conmemorar o asasinato do meu bisavó, son consciente de que a miña irmá Xela e máis eu probablemente somos das persoas máis novas. É por iso que sinto certa responsabilidade como representante da miña xeración, que parece que ultimamente está a defraudar bastante coa súa ignorancia e falta de conciencia política e de mobilización».

Con todo, a moza quixo rematar apostando polo futuro. "Téñome atopado en situacións con amigos e amigas nas que me dou de conta de que realmente non teñen moita idea do que sucedeu neste escuro período", dixo. "Pero quero crer que, se estou hoxe aquí, significa que ten que haber máis persoas coma min, dispostas a manter a memoria viva de todas as vítimas da guerra e do franquismo, chámense Bóveda, chámense Adrio ou como sexa".
Lores presidiu o acto no que, á parte das familias, estiveron presentes boa parte dos concelleiros nacionalistas e socialistas da cidade, á parte de parlamentarios tanto en Galicia como en Madrid dos mesmos partidos. No transcurso da homenaxe houbo alusións ás concentracións convocadas polo PP contra a futura Ley de Amnistía, que tiñan lugar á mesma hora, ademais doutras referencias a recortes en dereitos cidadáns promovidos pola dereita, como os anunciados recentemente en Madrid con respecto á comunidade LGTBI.
Miguel Anxo Fernández Lores: "Pontevedra é unha cidade con memoria. É un deber ético e político. Aforrar en memoria é recortar en futuro"
"Non esquecemos. Pontevedra é unha cidade con memoria", dixo Lores. "É un deber ético e político que non pode ser ocultado nin minimizado. Aforrar en memoria histórica é recortar en futuro".
Segundo o alcalde, o compromiso do Concello coa memoria democrática é absoluto. "O Concello de Pontevedra nunca deixará de traballar á hora de loitar contra esa inxustiza, contra ese esquecemento e contra ese odio, estaremos sempre do lado das vítimas e do recoñecemento que se lles debe", sinalou, ao tempo que lembrou tamén ás familias represaliadas. "Cómpre lembrar tamén a aqueles que non morreron, pero si sufriron a violencia e a inxustiza: as persoas que acabaron na cadea, as aldraxadas, as rapadas, as violadas, as castigadas, as perseguidas… Familias enteiras que durante décadas padeceron humillación, dor e silencio. Hoxe tamén estamos con vós".
No acto, ao que lle puxo música o Dúo de Cámara da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, tamén interviu o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, que lembrou a situación actual en Palestina.