A Federación de Veciños Castelao apoia as medidas de aforro de auga

O colectivo veciñal critica, pola contra, a falta de previsión ante este tipo de fenómenos
As fontes públicas de Pontevedra, aínda con abastecemento. BEA CÍSCAR
photo_camera As fontes públicas de Pontevedra, aínda con abastecemento. BEA CÍSCAR

A seca continúa o seu avance e as consecuencias comezan a deixarse ver en todos os eidos da sociedade. As primeiras restricións do Concello fixéronse públicas este mércores e a concienciación da xente é cada vez maior. Juan Loureiro, portavoz de Federación de Asociacións de Veciños Castelao, valorou a chegada destas medidas: "Sumamos unha preocupación máis, pero isto é necesario. Son medidas que non son doadas, pero son necesarias e hai que telas en conta. Non nos queda outro camiño".

Sen embargo, o propio Loureiro, pese ao evidente apoio ás medidas tomadas polo Concello, tamén se mostra crítico no tocante á falta de planificación con respecto a este tipo de fenómenos: "Ten que haber unha maior previsión para este tipo de fenómenos, que non se teñan que tomar decisións improvisadas. Garantizábannos que había auga para 30 anos, pero a realidade vemos que é distinta. Reclamamos unha maior previsión, un plan máis ambicioso". O portavoz, iso si, aclara que non busca sinalar a ninguén, senón aprender dos erros cometidos ata agora: "O que estamos dicindo é que ao mellor hai que prever un pouco máis. E iso é obrigación de todos: tanto de particulares, como de políticos, como de todos".

Loureiro, amais, insta aos servizos públicos a dar exemplo non só en períodos de seca: "Moitas veces vemos que, aínda que chove, se abren igual regos automáticos. Temos que darnos conta de que a auga, dentro de pouco, vai a ser un ben moi caro. Non hai que regar sobre chovido".

Por outra banda, na Asociación Veciñal Heroes do Campo da Porta, en Salcedo, a preocupación é xa unha rutina que leva moito tempo instalada entre a súa veciñanza: "A xente está moi preocupada porque é un ben de primeira necesidade", afirma Ramón López Laxe.

En Salcedo, non obstante, a previsión dunha posible extensión do tempo da seca non é algo que os colla por sorpresa. Os propios veciños xa levan tempo cunha serie de restricións que este mércores comezaron a tomar vixencia na totalidade da cidade de Pontevedra: "Nós aquí, no rural, xa levamos un tempo controlándonos. Uns máis e outros menos, segundo o caudal que teñan os nosos manantiais, pero xa levamos un tempo concienciados neste sentido", comenta o propio Ramón López cando se lle interrogada sobre as primeiras restricións aprobadas polo Concello.

A situación, sen embargo, non invita ao optimismo: "A cousa é preocupante porque aínda estamos en xullo e, se isto non cambia, ao chegar setembro podémolo pasar moi mal. Levamos desde febreiro sen unha gota de auga".

No tocante aos problemas concretos do campo, López explica que é un problema que, en maior ou menor grao, afecta a toda a zona rural: "O que temos aquí non é industrial, é de consumo propio, pero claro que vai a afectar ás cousas, ás legumbres, as plantas, ao que teña algo de gando. No rural, quen máis ou quen menos ten un animal, ten algo, e necesita auga tamén. Aparte do consumo necesario para cada persoa, claro".

O fenómeno da seca, a posible falta dun ben tan básico, sintetízase polo propio López cunha preocupación tan consciente como honesta: "Non hai unha fonte pública, non hai nada. Se necesitas auga, non hai a onde ir. Porque as fontes públicas, que o fala moito a xente maior, nunca secaron e agora non hai máis ca un fío de auga".

Preocupación nas asociacións de empresas de Pontevedra pola sequía 
Ninguén escapa á situación de pertinaz seca que está a asolar á comarca desde os
últimos tempos. Desde Aempe, José María Corujo exemplifica esta preocupación, que matiza que non se concretará só nun sector: "O problema é xenérico. Non vai afectar en exclusiva a este sector ou a este outro. Algúns sectores, que por suposto que teñen máis dependencia da auga, vailles afectar máis directamente e terán problemas máis serios, pero ninguén se escapa deste problema".

Miguel Lago, do CCU da Zona Monumental, móstrase pesimista en canto á concienciación da xente no tocante a un problema que xa está enriba da mesa: "La mentalidad pontevedresa y gallega es que tenemos exceso de agua. Aún no estamos mentalizados de lo que nos está pasando. Aún estamos previniendo lo que nos puede pasar. Hay demasiada tranquilidad". Lago, iso si, matiza que si cre que está a cumprir o grao de utilización de auga para cuestións non fundamentais.

Sen embargo, afirma que non é suficiente: "Hay que meternos más en el asunto. Hasta que realmente nos duela el zapato, no nos daremos cuenta de que tenemos que cambiarlo".

Corujo, tamén no tocante ás tarefas de concienciación, anima á xente a poñer da súa parte: "Desde Aempe, animamos a todo o mundo a que trate de axudar. Non botar tanta man ao grifo, non botar man de forma tan descontrolada". 

Comentarios