Feijóo e Tejerina acordan converter Lourizán nun centro de referencia para o castiñeiro

A decisión permitirá recoñecer as diferentes variedades comerciais existentes en Galicia e no resto de España

O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. GONZALO GARCÍA

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes, logo dunha xuntanza coa ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, o recoñecemento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán como centro de referencia para o castañeiro.

Tras a reunión mantida na tarde do martes, Feijóo valorou esta boa nova, que suporá a revalorización dun sector fundamental para a comunidade, produtora de máis da metade da castaña de España. Non en van, esta decisión, ademais de avalar a política da Xunta na aposta por este produto, permitirá recoñecer as diferentes variedades comerciais existentes en Galicia e tamén no resto de España, o que posibilitará unha especialización do sector.

O presidente da Xunta quixo aproveitar, tamén, o encontro para agradecer o compromiso do Ministerio no eido da reforestación e restauración de cauces tras a vaga de lumes que sufriu Galicia o pasado ano. Un compromiso reflectido nas actuacións de repoboación, cambio de especies en novas plantacións e traballos silvícolas de tratamento dos rexenerados, nas que se están a executar partidas por valor de 7 millóns de euros.

Outro dos asuntos abordados foi a situación do sector lácteo, onde ambos coincidiron na necesidade de axilizar ao máximo a tramitación normativa que permita a identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos a través dun real decreto que, tal e como confirmou a ministra, será aprobado no primeiro trimestre deste ano. Unha medida imprescindible para fortalecer o sector a través da transparencia dos mercados e a información do consumidor.

Pola súa banda, o presidente da Xunta destacou o compromiso do Goberno galego co sector para que siga apostando, a través da innovación e da formación, por crear valor engadido e continuar así incrementando a facturación dun sector que en 2017 superou os 775 millóns de euros, un 9% máis que no ano anterior, seguir diversificando o sector e desenvolvendo novos produtos que permitan responder á evolución do mercado lácteo e satisfacer as novas demandas dos consumidores.

Comentarios