A feira de alimentación O Mellor da Terra instálase en Pontevedra do 7 ao 9 de maio

O evento gastronómico, organizado pola firma Embruxo en colaboración co Concello e o colectivo Hoempo, celebrarase na Praza de España

Presentación de O Mellor da Terra. DP
photo_camera Presentación de O Mellor da Terra. DP

Os amantes dos alimentos máis selectos da gastronomía galega teñen unha cita inescusable en Pontevedra a fin de semana do 7 ao 9 de maio coa celebración da I Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade 'O Mellor da Terra', impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo.

O evento gastronómico, organizado pola firma Embruxo en colaboración con Hoempo (Asociación de Hosteleiros de Pontevedra, Poio e Marín), reunirá na Praza de España a uns 26 expositores, todos eles produtores propios e practicamente todos procedentes de diferentes puntos de Galicia, cun obxectivo moi atraente: "lograr que estes alimentos e sabores  difíciles ou imposibles de atopar en grandes superficies cheguen directamente do produtor ás nosas bocas".

A feira, presentada este xoves diante da Casa Consistorial (sede de Turismo de Pontevedra) nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; os responsables de Embruxo, Jorge Fernández e Ana Gato; o presidente de Hoempo, Daniel Lorenzo, e outros representantes do colectivo de hosteleiros e da asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM), comezará a súa actividade o venres 7 de maio pola tarde, en horario de 17:00 a 21:00 horas, mentres que tanto na xornada do sábado 8 e como na do domingo 9 de maio haberá horario ininterrompido de mañá e de tarde, entre as 11:00 e as 21:00 horas.

En opinión de Yoya Blanco, "unha das cualidades máis salientables da proposta de O Mellor da Terra  é a gran variedade de alimentos que se poderán descubrir, xa que os organizadores conseguiron que practicamente non se repita ningún produto".

Deste xeito, tal e como avanzou a edil do PSOE, os que se acheguen ata a Praza de España durante eses días atoparán "desde mel caseira made in Vilagarcía, marmeladas sen colorantes nin conservantes cun formato espectacular e unha combinación de sabores brutal e as mellores cecinas de León, ata artigos gourmet de marcas como Pimentón de La Vera, Comesetas, La Curiosa, Pepa a Loba –co seu paté de centola–, Santiago Roma –cun viño elaborado en barrica de pedra e unha cervexa artesá confeccionada a partir dun zume de albariño–, Iberbouquet –que achegará xamón ao corte–, Croquetas D –que ofertará máis de 14 variedades de croquetas procedentes de Lugo– ou Galo Celta –ovos famosos ecolóxicos que namoraron a Martín Berasategui e Amancio Ortega e que se venden a un prezo de ata dous euros–".

"Por suposto, para aqueles e aquelas aos que nos gustan os doces de calidade, tampouco faltarán os postres, con auténticas delicias da man de firmas como Versos de A Ruda, da zona de Sanxenxo. Ademais, haberá unha enorme variedade de queixos (desde Zamora ata Arzúa) e, entre as novidades e sorpresas que traerá consigo esta feira, cabe destacar tamén a presentación das aceitunas de Embruxo, que levan un aliño moi especial”, engadiu Blanco.

Unha ruta de tapeo na que cada bar ou restaurante elaborará un prato

A grande mobilización e implicación do sector hosteleiro nesta feira é sen dúbida "toda unha garantía para que esta primeira edición de O Mellor da Terra se convirta nun éxito de público". Segundo revelou o presidente de Hoempo, "un dos principais atractivos do evento reside en que cada bar ou restaurante elexirá un produto da feira, presentará unha tapa con el e fará unha maridaxe dunha lista que lles enviarán os provedores", aproveitando deste xeito as sinerxías cos hosteleiros, xerando unha "suxestiva" ruta de tapeo e "promovendo que os clientes vaian aos bares, proben a tapa e acudan aos postos da Praza de España a mercar eses produtos".

"A idea é que todos vaiamos da man, así que xa lles solicitamos aos produtores que nos pasen unha lista dos seus mellores alimentos e produtos para que poidamos elixir e elaborar as tapas máis deliciosas", apuntou Daniel Lorenzo.

Jorge Fernández explicou que a principal pretensión de O Mellor da Terra é lograr converterse nunha feira "distinta a todo o demais e na que tódolos produtos sexan naturais e de produción propia", e desvelou que "aínda que por mor das medidas de seguridade impostas pola pandemia non haberá máis de 26 stands", o éxito de convocatoria desta feira gastronómica foi tal que "mesmo se acabou xerando unha lista de agarda".

O responsable de Embruxo subliñou que "se ben a feira conta con algúns artigos de fóra da nosa comunidade, practicamente todos, con excepción deses dous ou tres, son de aquí, de Galicia".

Comentarios