A Feira Chalana sobrevive á pandemia

A décimo terceira edición da Feira Atlántica de Artesanía e Deseño está aberta desde o mércores 22 de xullo ata o próximo 16 de agosto
 
DAVID Ferrería. Inauguración da feira Chalana., miércoles, 22 jul · 12:00–13:00
photo_camera A feira Chalana xa abriu as súas portas. DAVID FREIRE

A nova normalidade, que botou por terra moitas das iniciativas que a cidade tiña previstas para o verán, non puido coa décimo terceira edición da Feira Atlántica de Artesanía e Deseño Chalana. Así, a Praza da Ferrería acolleu este mércores a inauguración deste evento nun acto que tivo como embaixadora a concelleira de Festas, Carme da Silva. A Chalana, que poderá visitarse ata o próximo 16 de agosto, viu prolongado o seu tempo de celebración con respecto a outros anos, nun intento de suavizar as posibles consecuencias negativas que poida ter o contexto actual no bo desenvolvemente da feira.

A finalidade da feira será suavizar as posibles consecuencias do contexto actual nas vendas dos seus produtos

Carme da Silva e Edita Rodríguez, portavoz dos artesáns, fixeron repaso de todo o que pode conlevar a Chalana para un gremio que se viu fortemente afectado pola pandemia. "É de agradecer que se manteñan estas iniciativas, porque estanse a suspender todas as feiras. Para o noso colectivo é moi importante, pois dependemos moito da venda directa ao público", asegurou Edita Rodríguez antes de garantir ao público que se manterán as medidas de seguridade. "Animamos á xente a que veña, xa que se van cumprir os protocolos e as medidas de protección e distanciamento polo tema da Covid", subliñou. A portavoz, ademais, fixo unha pequena reflexión sobre o momento no que se atopan os negocios locais: "Creo que é un momento de empezar a valorar todo o que son os temas locais, o consumo local e as propostas, como esta, de pequena escala".

A iniciativa garantirá o cumprimento de todas as medidas para frear a expansión da Covid-19

Da Silva, pola súa parte, ratificou o apoio do Concello de Pontevedra ao gremio de artesáns: "A única posibilidade que teñen neste momento de chegar ao público e de facer visible o seu traballo é a través destas feiras, por iso nos parecía moi importante facela. á parte de todo o que gaña Pontevedra". Ademais, a concelleira de Festas non deixou sen comentar unha das demandas que o sector leva moito tempo reclamando: "Os traballadores teñen a necesidade dunha plataforma de artesanía de Galicia para visibilizar todo o que está facendo, que é moito e moi bo".

A Feira Chalana, cuxos horarios foron modificados por cuestións meteorolóxicas, abrindo de once a dúas pola mañá e de sete a dez e media pola tarde, contará este ano con 12 stands, un menos que o ano anterior. Entre eles, os visitantes atoparán pezas de roupa, xoias, xoguetes ou produtos de aloe vera elaborados a man, nun oficio que compensa o seu lado laborioso cuns resultados que dificilmente pasarán desapercibidos para as xentes que se acheguen ata a Chalana.

Na voz da concelleira de Festas, Carme da Silva, o gremio recalcou a necesidade dunha plataforma de artesanía en Galicia

Os artesáns, asemade, amosaron as súas dúbidas á hora de facer previsións sobre canto afectarán as condicións actuais ás súas vendas. "Espero que no afecte mucho. Es una incógnita. Vivimos en este tiempo de incertidumbre, pero esperemos que la gente se anime a salir, a hacer la vida lo más normal posible", responderon esperanzados desde Aloe Plant.

Pontevedra vívese: Actividades para todos os públicos
Na xornada do xoves, os nenos tamén gozarán do seu espazo. A poboación infantil terá dúas citas pola tarde con Ven Trebellar. A primeira terá lugar na Alameda, ás 19.30 horas, coa iniciativa A voar e o seu home orquestra.

A segunda levarase a cabo ás 20.00 horas no Parque de Amalia Álvarez, que acollerá Contando contigo, un espectáculo de expresión.

No tocante á nova programación das festas de Pontevedra, que este ano vivirase apostando polas bandas locais baixo a iniciativa denominada Sondeaquí, o xoves buscará amosar, desde a mañá, todo o potencial musical dos grupos da zona.

Ás 13.30, nos Xardíns da Parda, a banda Desconcerto ofrecerá un dos primeiros concertos do día.

Á mesma hora, Queco Lago será o encargado de abrir a xornada na Praza de Barcelos.

Pola noite, a partir das 22:00 horas, na propia Praza de Barcelos terá lugar o concerto de Rodri Valiente.

Mentres tanto, á mesma hora na Praza de España, será a quenda de Picadoura.

Comentarios