Durante a Feira Franca o Concello recomenda utilizar os aparcadoiros disuasorios

O Goberno municipal tamén solicita a colaboración cidadá para reducir o uso do vehículo particular ao mínimo imprescindible

A Feira Franca en 2017. DP
photo_camera A Feira Franca en 2017. DP

O Concello lembra que esta fin de semana, na que se celebra a Feira Franca, xerarase un importante tránsito de persoas e vehículos que afectará a toda a cidade, especialmente no centro histórico no que respecta aos viandantes e nas entradas e saídas no que respecta aos automóbiles.

Ante esta hipótese dunha presenza masiva de persoas e vehículos, o Concello fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios: Mollavao, Pavillón de Deportes, explanada do Recinto Feiral, Avenida de Bos Aires e Xosé Malvar Figueroa, A Parda, Avenida de Vigo e Pasarón. Do mesmo xeito, solicita tamén a colaboración cidadá á hora de reducir o uso do vehículo particular ao mínimo imprescindible.

O Goberno municipal organizou un dispositivo especial de tráfico co fin de minimizar os inconvenientes que supón este evento, no que participarán membros da Policía Local, Protección Civil e Bombeiros, así como voluntarios. O operativo de tráfico leva consigo unha serie de medidas, como a restrición de estacionamento en determinadas rúas e o peche de certas vías, polo que a Administración local tamén solicita o máximo respecto á sinalización provisional nos espazos afectados.

As rúas que quedarán cortadas ao tráfico rodado son Arcepisbo Malvar, Condesa Pardo Bazán, Alameda no seu desvío por Echegaray, Galera, Michelena e os tramos peonís de Benito Corbal e Peregrina. Ademais, a partir do sábado ás 10.00 horas prohibirase tamén a circulación polas rúas da zona monumental, e desde as 14.00 horas tamén polas do entorno da Praza de Touros, por motivo do torneo medieval que se celebra no interior da mesma. Este último peche afectará ás rúas Víctor Said Armesto, Nostramo Lourido, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza Pastrana e Canaval. Durante a actividade de traslado do viño realizarase un corte puntual na rúa Santa Clara, así como nas súas interseccións con Cobián Roffignac e con Perfecto Feijoo.

Este último evento tamén suporá a prohibición de estacionamento, desde as 22.00 horas do venres, na rúa Santa Clara no tramo entre o convento e Cobián Roffignac. Tamén se prohibirá aparcar, desde o día 31 ás 07.00 horas, nas rúas Nostradamus, Víctor Said Armesto e Canaval, desde as 22.00 horas no Paseo Cervantes, na Avenida Bos Aires desde Alfredo García Hermida ata a rotonda da Ponte de Santiago e na rúa Mestranza, e a partir das 08.00 horas do día seguinte no perímetro da Praza de Touros. Na rúa Aduana non se pode aparcar xa desde o mércores.

Comentarios