A Feira da Miniciencia chega á décima edición adiantándose a primeiros do mes de maio

Participarán dez centros de Primaria, nove institutos e dez familias ► Os talleres iniciáronse onte e desenvolveranse ata o 1 de marzo
Saleta González volve coordinar os talleres. RAFA FARIÑA
photo_camera Saleta González volve coordinar os talleres. RAFA FARIÑA

A primeiros de maio, un mes antes da data habitual, será cando se celebre a décima X Feira da Miniciencia de Pontevedra, segundo informou onte a Concellería de Educación, que xa puxo en marcha, este mesmo martes, os obradoiros de Ciencia en Familia do programa Pontenciencia 2023, antesala da X Feira da feira prevista para o venres 5 e o sábado 6 de maio.

Neste encontro, que volverá celebrarse, como viña sendo habitual, na Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra, exhibiranse os proxectos de escolares de Primaria e Secundaria, así como das familias participantes.

A través dos obradoiros de Método Científico e de Ciencia en Familia "preténdese ensinar a pensar e fomentar mentes exploradoras, curiosas e comunicativas, contribuíndo a incrementar a cultura científica e a xerar as bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos participantes directos" (alumnado, profesorado, familiares...) e, de xeito xeral, no público asistente ou virtual, apunta Educación nunha nota.

As persoas destinatarias reciben, ademais, toda a información a través das ferramentas de comunicación propias do proxecto (páxina web, vídeos, redes sociais e charlas, entre outras) e mediante os medios de comunicación que lles rodean.

A X Feira da Miniciencia de Pontevedra será "a culminación de meses de traballo" dos escolares e das súas familias neste Pontenciencia, que para 2023 ten unha axuda concedida ao abeiro da convocatoria de subvencións para o Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación. Conta tamén con financiación da Deputación de Pontevedra.

Case 900 escolares

O programa logrou involucrar na pasada edición a dez centros educativos de Primaria, doce familias e nove institutos de Secundaria e centros de Formación Profesional, cun total de 878 estudantes directamente implicados coas súas investigacións e arredor de 2.000 persoas participantes nas actividades. Segundo avanza o concelleiro de Educación, Tino Fernández, "na décima edición contaremos con dez centros de Educación Primaria, nove institutos de Educación Secundaria e arredor dunha decena de familias".

Pontenciencia, lembra Fernández, é "un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador e que pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxectan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, tendo como colofón a celebración dunha feira de ciencias".

Os obradoiros de Ciencia en Familia celebraranse durante as vindeiras semanas na Casa das Campás, a Casa Azul e o Espazo Arroelo. Despois do que se desenvolveu onte, o seguintes serán os días 3, 4, 9 e 11 de febreiro (os xoves e os venres en horario de tarde e os sábados pola mañá) e o mércores 1 de marzo, tamén pola tarde.

Comités científicos
O alumnado de Primaria pode participar no proxecto nas modalidades de Ciencia no Cole e Ciencia en Familia, mentres que o de ESO, FP e Bacharelato farao nos Premios de Investigación.

En paralelo aos obradoiros, constitúense os comités científicos, formados por docentes e investigadores das facultades do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e o Instituto Español de Oceanografía de Vigo, que achegan propostas de investigación fundamentadas e documentadas aos participantes.

Onde apuntarse Durante as vindeiras semanas será a quenda dos obradoiros de Ciencia en Familia e as familias interesadas poden anotarse no correo electrónico [email protected].

Comentarios