A Feira do Libro clausúrase entre ballóns

A chuvia desloce a última xornada do evento instalado na Praza da Ferraría, arredor do que se desenvolveu unha programación de máis de 30 actividades ao longo da semana ► O Salón do Libro Infantil e Xuvenil achégase ao seu ecuador con preto de 15.000 visitantes
Visitantes da Feira do Libro protéxense con paraugas e algunhas persianas baixadas
photo_camera Visitantes da Feira do Libro protéxense con paraugas e algunhas persianas baixadas

"Máis ou menos como o ano pasado". Así funcionou a Feira do Libro de Pontevedra, segundo os seus protagonistas, os libreiros, que este domingo ademais, na que debía ser unha das xornadas máis destacadas, a da clausura, tiveron que facer fronte a ballóns, graínzo e vento. Por veces, o mal tempo obrigounos mesmo a pechar as persianas das casetas. "Porque isto era un auténtico temporal", comentaban en Nobel.

O graínzo obrigou aos libreiros a pechar algunhas das casetas a media mañá, pero a programación mantívose ao longo do día

Oito librarías, seis delas de Pontevedra, participaron este ano na Feira do Libro, que incluíu unha programación de máis de 30 actividades na Praza da Ferraría ao longo dunha semana. "O número de visitantes e de vendas debeu ser semellante ao ano pasado", dicían o domingo en Seijas. "Quizais un pouco mellor. A pena foi o mal tempo nesta última xornada, unha das máis importantes senón fora pola auga".

Os libreiros coinciden en que a Feira do Libro non vive o seu mellor momento. "Se non fora polo investimento que realiza o Concello para que se faga, non creo que moitos de nós acabaramos sacando os libros á rúa", explican en Cronopios. "Dende logo, é importante visibilizar os libros, pero o esforzo económico e persoal que conleva é demasiado importante para nós. As feiras quizais funcionaron noutro momento, non digo que non, pero hoxe conviría darlle unha volta".

As obras infantís e as novidades en galego foron as máis demandadas nunha feira "á que conviría darlle unha volta"

Entre os títulos máis demandados este ano, moita variedade: dende novidades en galego como o último de Xesús Constela ata clásicos de Rosalía de Castro pasando por Los últimos de Pasarón, de Xabier Fortes. Unha única constante: o libro infantil segue a ser o máis vendido.

NO PAZO DA CULTURA. A última xornada da Feira do Libro coincidíu no tempo co ecuador do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra no Pazo da Cultura e que se achega aos 15.000 visitantes. "Ata o sábado á noite contabilizamos 13.400 persoas", indica a organización. "Unha novidade con respecto a outras edicións é o ben que están funcionando as tardes entre semana, nas que se viña producindo un baixón".

Os responsables do Salón tamén destacan a cantidade de persoas de fóra de Pontevedra que pasaron polo evento. "Tivemos visitantes mesmo alemáns e británicos".