A Feira do Mel triplica o número de casetas para "adozar Pontevedra"

O evento, que consta de vinte novos postos, comeza o sábado ás 11.00 horas
2019080812351732026
photo_camera Os organizadores da Feira do Mel xunto coa concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, no Mercado de Abastos de Pontevedra. EMILIO MOLDES

O festexo máis doce do ano volta ao Mercado de Abastos este sábado, ata o día 18, con máis participantes que nunca. A concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, xunto cos responsables do evento, Claudio Fraga e Luz Gómez, presentaron onte a 28º edición da Feira do Mel "Meleira", que terá vinte novos estands, o triple que o ano pasado.

Como de costume, a Feira contará con "jaimas" e unha carpa ubicada diante da Praza de Abastos, polo que a choiva non será un impedimento para achegarse a degustar os produtos. Luz Gómez, responsable de EmRede, asegura que as instalacións estarán listas entre hoxe e mañá para a súa inauguración o sábado ás 11.00 horas. Ademais de mel, as casetas ofrecen produtos agrícolas, ecolóxicos e artesanais.

Mel, polen, xeleas, propóleos, caramelos, cosmética e demais derivados de apicultores locais son algúns dos produtos que se poden mercar. O obxectivo é dotar de visibilidade ás pequenas empresas rurais para "que os visitantes sepan de onde proveñen os produtos e fomentar o mercado autóctono", en palabras de Luz Gómez.

As Festas da Peregrina non son as únicas protagonistas desta fin de semana. Os asistentes teñen onde escoller e, de paso que se divirten nas atraccións e concertos, poderán achegarse aos postos da "Meleira" para participar en talleres, actuacións e concursos.

A programación inclúe un obradoiro de pintura con pedras e outro de extracción do mel, ademais de parladoiros que darán a coñecer a importancia de manter a biodiversidade das abellas no proceso de polinización, conservación da flora e alimentación. Os cativos tamén terán cabida na feira con talleres e actuacións de maxia.

O horario de apertura abrangue de 10.30 a 14.00 horas pola mañá, e de 18.00 a 22.00 horas pola tarde; excepto festivos e domingos que comezan unha hora máis tarde.

OUTROS PRODUTOS. A colaboración da rede de mercados EmRede na que participan distintos concellos da provincia, convida aos visitantes a mercar produtos novidosos. Pan, viño, kombucha, aceites esenciais, cervexa, queixos e embutidos son algúns dos manxares totalmente ecolóxicos que se poderán degustar.

Outros como a xoiería de autor, materiais creados con textil natural ou elaboracións de zoqueiros locais agardan impacientes a visita dos amantes da artesanía.

Comentarios