Feira Franca: Vinte anos non son nada

A festa medieval de Pontevedra cumpre dúas décadas de vida espallada pola cidade e confirmándose como un evento multitudinario
Ambiente en la Feira Franca. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Ambiente en la Feira Franca. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Que veinte años no es nada...", cantaruxaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, imitando a Carlos Gardel, ao respecto do vixésimo aniversario da Feira Franca, a festa medieval coa que a cidade pecha a programación do verán e na que participan ducias de miles de persoas.

O evento cumpre 20 edicións coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia conseguida e coas súas actividades espalladas por todo o centro da vila: da Alameda ao río Lérez. "Nós sempre dicimos que o gran reto que ten a Feira Franca é manter o nivel", explicaba este sábado a concelleira de Festas, Carme da Silva, no encontro habitual cos medios de comunicación, a media mañá, na Praza da Ferrería.

"Este tipo de festas ten un risco: ir dexenerando por rutina. Hai que conseguir que todas as persoas que participan nela sigan esmerándose. E hai que seguir estendéndoa", avanzaba. "Precisamente, agora que se inicia o proxecto municipal de posta en valor de todos os restos medievais de Pontevedra e de recuperación da Ponte do Burgo, temos que incorporar todo ese patrimonio cultural á Feira Franca do ano que vén".

A concelleira tamén se referiu á posibilidade de converter a data desta festa medieval, que recrea o mercado que acollía a cidade no século XV, en festivo local. "O ano que caia San Bieito en domingo podemos estudalo. Pero o certo é que funciona moi ben así como está. Non é necesario".

Pola súa banda, Lores indicou que o éxito desta festa está relacionado coa participación da xente. "Son 20 anos de éxito e de consolidación dunha festa que é unha referencia en toda Galicia pola súa rigorosidade histórica, pola participación da xente, que sempre é impresionante, e porque non para de ir a máis. É algo moi agradable, un evento familiar, unha romería urbana, algo diferente. E estamos encantados", comentou.

"E cada ano dámoslle unha voltiña, tratando de mellorala, lembrando e recuperando acontecementos importantes para a historia da cidade, como fixemos este ano co río, co porto medieval da Moureira. Neste sentido temos que agradecerlle o traballo a Culturmar, a asociación que trouxo todas estas embarcacións tradicionais".

Para o alcalde, a Feira Franca só ten sentido na medida en que é unha festa participativa. "Non é unha festa medieval máis, na que se contrata unha empresiña que fai unhas cousas e se cobran unhas taxas. Isto é algo completamente diferente, un sinal de identidade da cidade de Pontevedra e unha referencia en toda Galicia".

Comentarios