A Feira Franca chega ó Museo cos obradoiros infantís de libros medievais

Unha ducia de rapaces participaron no primeiro dos catro ‘Cantorais’ que se desenvolverán ata o venres no Sexto Edificio
O deputado Xosé Leal visitando este martes aos mozos participantes no primeiro dos obradoiros
photo_camera O deputado Xosé Leal visitando este martes aos mozos participantes no primeiro dos obradoiros

Os doce rapaces que este martes participaron no primeiro dos catro obradoiros infantís organizados polo Museo foron os encargados de dar o inicio ás actividades previas da Feira Franca. Os participantes realizaron os seus propios ‘cantorais’, posto que o obxectivo da actividade consistiu en coñecer os libros musicais medievais aproveitando que este ano a Feira Franca está adicada á música.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, que se achegou ata o obradoiro para coñecer o seu desenvolvemento, sinalou que "esta actividade é especialmente acaída para achegar á rapazada elementos históricos dun xeito lúdico e atractivo para eles, e para que sexan capaces de contextualizar a celebración da Feira Franca e de entender as orixes das que parte".

Os obradoiros realizaranse ata o vindeiro venres, un por día, e están dirixidos a nenos de idades comprendidas entre 7 e 13 anos, admitíndose ata un máximo de 12 participantes por xornada. Neste momento xa só quedan libres as 12 prazas do derradeiro obradoiro, polo que as persoas interesadas poden anotarse no teléfono 986 804 100 extensión 42413 ou dirixirse ao enderezo electrónico [email protected]. As prazas, como vén sendo habitual, outorgaranse respectando a orde de recepción de chamadas e correos.

Ademais de realizar un ‘cantoral’ propio, os rapaces poden coñecer a colección de libros musicais que custodia o arquivo documental do propio Museo e os diferentes aspectos vinculados con este tipo de documento histórico. Cada obradoiro ten unha duración de dúas horas, entre as 11 e as 13 horas, e realízanse na sala taller do Sexto Edificio.

Ademais destes catro talleres, e pensando nos máis cativos, este ano estrearase unha figura en madeira dun trobador para que poidan fotografiarse con el e que servirá de fío condutor para un obradoiro de pintura. Esta actividade non precisa inscrición previa e vai dirixida a todas as idades. Terá lugar o sábado na zona vidrada do Sexto Edificio, en horario de 10.30 a 13.30 horas, e de 16.30 a 19 horas. Trátase dunha actividade sinxela na que os e as participantes poderán pintar o trobador sobre papel para crear o seu propio personaxe.

As actividades continuarán o sábado cun obradoiro de pintura para nenos que terá a un trobador como fío condutor

Comentarios