Unha Feira Franca lendaria 

A cita, que pon fin á programación de verán, volve ateigar de milleiros de persoas o centro da cidade. "O noso reto inmediato é manter a calidade", di a concelleira Carme da Silva

Gran torneo medieval na praza de touros. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Gran torneo medieval na praza de touros. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Lendaria. Así foi a edición deste ano da Feira Franca de Pontevedra, a festa medieval da cidade, que clausura a programación de verán na capital da provincia e que cumpría 19 edicións. O eixe temático deste ano: as lendas. Milleiros de persoas ateigaron o centro da cidade ao longo dunha xornada de calor. O feito, segundo o alcalde, é un orgullo para a vila. "Todos nos sentimos orgullosos desta festa", dixo no seu habitual encontro cos medios de comunicación ao mediodía na Praza da Ferrería.

Xunto a el estaba a concelleira de Festas, Carme da Silva, que avanzou que se traballaba 
xa na XX edición do festexo e que o obxectivo inmediato da organización é non deixar que baixe a calidade.  "O balance, no comezo da festa, é moi bo. Aínda que só sexa pola cantidade de xente que hai participando e polo ambiente que hai na cidade dende primeira hora", dixo da Silva.

"Nótase que esta é unha festa feita por xente de aquí. Non hai unha empresa contratada que vén e o monta todo. Non, aquí os postos son diferentes, os particulares contribúen coa decoración... É unha festa orixinal e auténtica. Agora, o reto inmediato que temos é o de manter a calidade".

A concelleira non cre que a Feira Franca corra perigo de masificarse. "Non, non creo. Tamén é verdade que máis xente non cabe", di."“O peor que lle pode pasar á festa é que a xente de Pontevedra deixe de participar porque perda calidade e se converta nalgo que veñen ver só os de fóra. Hai que conseguir que se manteña ese nivel de implicación de asociacións e de particulares. E, por último, seguir sorprendendo".

Para Carme da Silva, esta é unha festa á que lle temos que ter "moitísimo agarimo e á que temos que coidar para que siga a manter a súa calidade”.

O alcalde de Pontevedra pronunciábase de xeito parecido. "Estamos en festa, en Feira Franca. E eu agardo que hoxe, a pesar da calor, que agradecemos, pero que xa podía ser algunha menos, a xente o pase ben. Diso se trata, de facer unha romaría urbana, de encontro cos amigos, cos que están fóra e cos que están aquí, convidar á xente a que veña a Pontevedra a que coñeza esta festa, que é unha festa especial e diferente, á que se van incorporando novas xeracións. É unha festa que se goza e que se prepara con agarimo".

Para Lores, "a diferenza doutras, esta é unha festa familiar, no sentido máis clásico do termo. É o reflexo medieval dunha sociedade participativa. É unha romaría urbana que hai que coidar, potenciar e poñer en valor".
 

<< ESTE DOMINGO COA EDICIÓN EN PAPEL DE DIARIO DE PONTEVEDRA LÉVATE O SUPLEMENTO MÁIS COMPLETO SOBRE A FEIRA FRANCA>>

Comentarios