A Feira Franca remata sen incidencias de consideración

O Concello destaca que o dispositivo de seguridade funcionou á perfección cunha resposta rápida en cada caso
Efectivos sanitarios trasladando a un paciente a la ambulancia este sábado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Efectivos sanitarios trasladan a un paciente a la ambulancia este sábado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A XX edición da Feria Franca desenvolveuse este sábado nun ambiente festivo e sen incidencias de consideración ao longo da xornada, dende as 11.00 horas ata as 02.00 horas do domingo, en que se considera pechado o operativo de seguridade no que participaron Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella, entre outros.

A organización asegura que o dispositivo "funcionou á perfección" dadas as escasas intervencións que se tiveron que facer e a rápida resposta que se deu en todos os casos, tendo en conta a aglomeración de persoas que viviu este sábado o centro histórico e os seus aledaños.

Segundo a información que obra nos servizos integrantes no dispositivo municipal, realizáronse as seguintes intervencións sanitarias: dúas picaduras de insectos, tres irritacións oculares, 14 corte, dúas hemorraxias, cinco contusións, un golpe de calor, tres tomas de tensións, 14 lipotimias, unha agresión, unha torcedura, dous síncopes e unha intoxicación. 

Tamén se fixeron oito traslados a centros sanitarios (seis  ao Hospital Montecelo, un ao PAC da Parda e un ao Hospital Provincial).

PUNTO LILA.  Por outra parte, o Punto Lila da Feira Franca en Pontevedra non rexistrou acosos nin agresións sexuais e a única intervención do persoal de igualdade foi acompañar a unha muller ata o seu coche, aparcado lonxe da zona de festa. Por iso, a concelleira de Igualdade do Concello, a socialista Paloma Castro, mostrou o seu "orgullo" polo comportamento "cívico" dos veciños. 

Nunha nota de prensa remitida polo PSOE do Consistorio –que forman parte do goberno local xunto co BNG–, explicou que tampouco se recibiron avisos relativos a mulleres en estado de desorientación, algo que si ocorrera nas pasadas Festas da Peregrina. 

Así, a concelleira destacou un "goteo constante de persoas de todas as idades" que se achegaban para preguntar. Á súa vez, mostrouse "sorprendida" e asegura que "había colas de xente esperando para recibir información". 

A maior parte das cuestións ao persoal da caravana trataban sobre casos nos que se pode solicitar os acompañamentos, a lexislación actual, o acosos telefónico ou cibernético, as diferenzas entre agresión e abuso, o tipo de condutas consideradas acoso e os teléfonos de atención existentes.