A Feira Franca contará con varios puntos de emerxencia para garantir unha festa segura

A Policía Local presentou xa o Plan de Seguridade, que estará activo desde o sábado pola mañá
Vías de penetración e evacuación para a Feira Franca. DP
photo_camera Vías de penetración e evacuación para a Feira Franca. DP

A Policía Local xa ten rematado o Plan de Seguridade da XXI edición da Feira Franca. Estará activo dende as 11.00 horas do sábado ata as 3.00 horas do domingo 4 de setembro.

A partir das 12.00, un equipo da Policía Local e dos Bombeiros inspeccionará os postos para determinar que se adaptan ás normas establecidas pola organización: parrillas só de carbón, extintores preto das parrillas e instalación unicamente dos postos autorizados e nos espazos solicitados, especialmente nas vías de penetración e evacuación.

Por outra banda, durante a celebración da Feira Franca fixaranse varios puntos de emerxencia. No Teatro Principal, en primeiro lugar, haberá un posto médico avanzado. Na rúa de Valentín García Escudero, no cruce de Michelena con Bastida e na Alameda, a súa vez, situaranse tres ambulancias medicalizadas. Ademais, Protección Civil estará presente na Praza de Ourense. Os bombeiros, pola súa parte, ubicaranse na Praza de España e en Valentín García Escudero. Por último, situados de forma estratéxica en distintos lugares do recinto onde se celebra a Feira Franca, colocaranse unha serie de extintores.

No tocante ás vías de penetración e de evacuación, co fin de facilitarlles a labor aos servizos de emerxencia, estableceranse como rutas principais as rúas Real, Sarmiento, Isabel II, Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena.

CORTES DE TRÁFICO. En canto á circulación de vehículos, permanecerán pechadas ao tráfico a partir das 10.00 horas do sábado, ademais da totalidade da Zona Monumental, as rúas Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Alameda, Galera, o tramo peatonal de Benito Corbal e Michelena. A partir das 14.00 horas, á súa vez, pecharase todo o entorno da praza de touros de San Roque, onde se celebra a tradicional representación das xustas medievais. Isto afectará ás rúas Víctor Saiz Armesto, Nostramo Lourido, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza Pastrana e Carnaval. O perímetro do coso de San Roque xa estará pechado desde a mañá. A maiores, aínda que só durante a cerimonia do traslado do viño, pecharanse certos tramos da rúa Santa Clara e as súas interseccións con Cobián Roffignac e Perfecto Feijóo.

No tocante ás restricións de estacionamento, xa desde as 22.00 horas de mañá queda prohibido o aparcamento na zona de carga e descarga de Santa Clara. No entorno da praza de touros non se poderá aparcar durante o sábado. En Nostramo Lourido, en concreto, tampouco se poderá durante a xornada de mañá. Na rúa Aduana, ademais, xa non se pode estacionar desde a mañá de onte.

Por último, certos tramos da avenida de Bos Aires, os máis próximos ao casco antigo, tamén terán restricións á hora de estacionar os vehículos.